O Concello propón de novo un programa de actividades de reforzo para o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria

  • “Con esta iniciativa reafirmamos o noso compromiso coa educación, coa cultura e coa cohesión social. Queremos que este programa non só sirva para fortalecer coñecementos, senón tamén para ofrecer un espazo de acompañamento, motivación e crecemento persoal de todas as rapazas e rapaces participantes”, sinala Sergio Platas, alcalde de Paderne. 

O Concello de Paderne propón novamente unha programación de actividades de reforzo para o alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria, cuxo obxectivo non só é poñer a disposición das rapazas e rapaces que o precisen de diversas aulas de luns a venres en horario de tarde para afianzar coñecementos en diferentes materias, tamén o feito de ofrecer un espazo de acompañamento, motivación e crecemento persoal. 

Está financiado polo Concello de Paderne integramente, o que significa que será totalmente de balde para as familias e as modalidades nas que se poden matricular as nenas e nenos son: Inglés de Educación Secundaria, Matemáticas de Educación Secundaria, Matemáticas de Educación Primaria, Inglés de Educación Primaria, Inglés de Educación Infantil, iniciación a Informática, perfeccionamento de Informática, Lingua Castelá para Educación Primaria e Lingua Galega para Educación Primaria. 

Os horarios serán de tarde, desde as 16:00 horas ata as 20:00 horas e pódense consultar nas canles oficiais do Concello. Desenvolveranse na Biblioteca e Aula de Informática así como no local de actividades do Concello, na planta baixa do mesmo.

Sergio Platas, alcalde de Paderne, sinalou que “desde o Concello entendemos que investir en formación e en actividades de apoio é facelo no futuro do noso municipio. Por iso, agradecemos a implicación das persoas profesionais, das familias e das entidades que colaboran neste proxecto, sen cuxa labor non sería posible acadar os obxectivos que nos propuxemos”. O rexedor tamén destacou que “con esta iniciativa reafirmamos o noso compromiso coa educación, coa cultura e coa cohesión social.” 


 

Descárgate la hoja de inscripción