Quedan poucos días para participar no I Concurso de Fotografía “Paderne: unha ollada ao paraíso”, que repartirá 900 euros en premios

As inscricións estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro e contarase con premios en 2 categorías: móbil e cámara fotográfica. 

Quedan poucos días para que se celebre a primeira edición do Certame de Fotografía, baixo o nome de “Paderne : unha ollada ao paraíso”, coa finalidade de promover a participación cidadá e dar a coñecer o patrimonio cultural a través de imaxes sobre aspectos naturais e patrimoniais, etnográficos ou costumistas do municipio. 

Repartiranse un total de 900 euros en premios entre as persoas gañadoras das categorías de móbil e cámara, premiando o primeiro, segundo e terceiro posto de cada unha delas. 

A inscrición permanecerá aberta ata o 15 de setembro, e poderán presentarse as persoas maiores de 16 anos, a través da sede electrónica municipal ou nas oficinas do Concello. 

Cada participante poderá presentar, como máximo, tres (3) fotografías, aceptaranse en branco/negro ou en cor, pero sen realizar ningún tipo de edición, agás mínimas correccións da cor e/ou iluminación. As imaxes terán que ter un formato JPG, cunha resolución mínima de 300 pixel por fotograma e tamaño máximo de 10 Mb. Ademais deberán entregarse en papel fotográfico, cun tamaño de 20x30 cm. Cada imaxe entregada deberá ter título. 

O certame contará con tres (3) persoas de xurado profesional, encargado de valorar as propostas presentadas e determinar as persoas gañadoras. 

O veredicto do xurado darase a coñecer o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do “Día da Biblioteca”, organizada polo Concello. Ademais, unha selección das fotografías presentadas formará parte dunha exposición que poderá visitarse na Casa do Concello durante o prazo dun mes. 

O alcalde, Sergio Platas, convida a veciñanza a participar nesta primeira edición dun concurso que, agarda, poida celebrarse durante moitos máis anos e contribuír, entre todos e todas, a crear un arquivo fotográfico á altura do que Paderne merece.