O Concello reclama de xeito reiterado á Xunta o servizo de Comedor nas súas Unitarias e lamenta a desatención “a máis de 20 familias”

 

  • “As nenas e nenos de Paderne están nunha clara situación de agravio comparativo con respecto a outros municipios da contorna”, sinala o alcalde, Sergio Platas, quen lembra “numerosas peticións formais ao goberno autonómico, a última nun escrito do pasado 3 de setembro”.
  • Ademais, ante a ausencia desta posibilidade, houbo familias que tiveron que matricular aos seus fillos e fillas en centros educativos limítrofes que sí contan co Comedor.

O Concello de Paderne reclámalle reiterativamente á Xunta de Galicia, e ante a omisión da atención nas petición do goberno local, a posta en marcha do servizo de comedor escolar nas Escolas Unitarias do municipio, unha demanda que se vén trasladando ano tras ano e que continúa sen recibir unha resposta que dea solución ás necesidades das familias e das nenas e nenos que acoden a estes centros educativos.

Desde o Concello consideran que o Comedor escolar non pode entenderse como un servizo secundario ou accesorio, senón como un recurso necesario para garantir a conciliación da vida laboral e familiar, favorecer a igualdade de oportunidades e asegurar que as familias que optan polas Escolas Unitarias poidan facelo en condicións equiparables ás do resto do alumnado do sistema educativo.

“Estamos a falar dun dereito de máis de vinte familias familias e das nenas e nenos de Paderne. Ano tras ano trasladamos esta petición á Xunta e ano tras ano atopámonos coas mesmas dificultades. Necesitamos unha solución e o alumnado das nosas Escolas Unitarias merece dispoñer dos mesmos servizos e oportunidades que o resto”, sinala o alcalde, Sergio Platas.

Ao rexedor padernés, que xa reivindicara públicamente esta situación o pasado setembro antes do comezo do curso nunha das Unitarias do municipio, a de Viñas, sorpréndelle que “concellos limítrofes sí dispoñan de Comedor nos seus centros educativos” e lamenta a “desatención e discriminación que supón este contexto para as familias padernesas, xa que moitas delas tiveron que matricular ás súas nenas e nenos fóra do límite municipal”.

A ausencia de comedor escolar supón unha dificultade engadida para as familias, especialmente para aquelas que teñen que compatibilizar os seus horarios laborais cos horarios escolares. 

Esta situación, como así comprobamos, dificulta a posibilidade de novas altas nas Escolas Unitarias, poñendo en risco a continuidade e a vitalidade duns centros que desempeñan, ademais, un papel fundamental na educación e na vida social do rural.

O Concello de Paderne defende que manter e reforzar os servizos educativos no rural é unha responsabilidade compartida, e que as administracións públicas deben traballar para evitar que as familias teñan que asumir maiores dificultades polo feito de vivir nun municipio rural.

Por este motivo, o Concello insta á Xunta de Galicia a atender esta reivindicación e a habilitar o servizo de comedor nas Escolas Unitarias de Paderne, buscando unha solución estable e adecuada ás necesidades reais do alumnado e das súas familias.

“Non pedimos un privilexio; pedimos igualdade. As nenas e os nenos das nosas Escolas Unitarias teñen os mesmos dereitos que calquera outro alumno ou alumna de Galicia, e as súas familias teñen dereito a contar con recursos que lles permitan conciliar. Desde o Concello seguiremos reclamándoo ata conseguir unha solución”, conclúe o rexedor.