Paderne convídavos a Romaría da Familia, a gran festa de fraternidade do municipio, que se celebrará o sábado 29 de agosto 

Cunha programación variada con actuacións como a de Laura Añón xunto a Carlos Manteiga e Roi Casal, ademais do monólogo de Pepe Suevos 

Ata o 21 de agosto, os grupos de persoas poden reservar o seu sitio no Telleiro para consumir a comida que traian. 

O Concello de Paderne convídavos á Romaría da Familia, a gran festa da fraternidade do municipio que se celebrará o vindeiro sábado, 29 de agosto, a partir das 13:00 horas no Telleiro. 

Alí se darán cita todas as familias e grupos de amigos que desexen achegarse para desfrutar dunha xornada festiva e de convivencia. Paderne porá en marcha diferentes actividades para gozar dun día cheo de diversión e bo ambiente. As inscricións permanecerán abertas ata o vindeiro venres, 21 de agosto. 

A xornada dará comezo coa actuación de Laura Añón e Carlos Manteiga, que serán os encargados de poñer a nota musical ao inicio da festa. A continuación, chegará o momento do xantar, para o que o Concello ofrecerá un servizo de pulpeira con racións de pago. 

Despois do xantar dará comezo o campionato de cartas, parchís, dominó e bingo, unha proposta aberta a todas as idades na que tamén poderá participar a cativada. Ademais, os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar de inchables e dunha divertida festa da escuma. As persoas asistentes poderán gozar tamén dunha chocolatada con churros. 

Contaremos tamén coa participación de Pepe Suevos, que poñerá o toque de humor á xornada co seu monólogo. Ademais, a programación continuará pola noite coa actuación de Roi Casal, que será o encargado de poñer o broche musical final a esta festa. 

O alcalde, Sergio Platas, quere agradecer a todas as persoas que fan posible esta xornada: “Ás asociacións veciñais, ás persoas voluntarias, ao persoal do Concello, aos músicos e, especialmente, a todas as familias que cada ano se achegan para compartir este día de convivencia e celebración”.