A Romaría da Familia de Paderne bate récords, con 800 persoas no xantar nun día “inesquecible” para fomentar “os azos comunitarios”
-
O Mago Antón e os músicos Carlos Manteiga e Melchor Rodó encabezaron un cartel con propostas para pequenos e maiores
-
“Familia é sinónimo de unión, pero non só sanguínea. Moito nos une hoxe a todos nesta comunidade chamada Paderne da que, agardo, vos sintades cada vez máis orgullosos e orgullosas”, apuntou o alcalde
Paderne viviu este sábado un dos seus grandes días do ano coa celebración da segunda edición da Romaría da Familia. O evento festivo, impulsado polo actual equipo de goberno o ano pasado como herdeiro do desaparecido Día da Familia, logrou congregar a 800 persoas no xantar, unha cifra récord non só en comparación coa do 2023 (uns 600 comensales), senón con calquera edición do Día da Familia.
Deste xeito, a Praza do Telleiro acolleu unha xornada “inesquecible”, en palabras do alcalde, Sergio Platas, que antes de comezar a comida quixo poñer en valor a transcendencia dun evento que fomenta “os azos comunitarios”
“Familia é sinónimo de unión, pero non só sanguínea. Moitas características comúns únennos hoxe a todos nesta comunidade chamada Paderne da que, agardo, vos sintades cada vez máis orgullosos e orgullosas. Para iso traballamos nós, para construír un Paderne mellor que xere sentimento de pertenza a través de eventos de socialización como este. O ocio é fundamental para crear unha sociedade máis feliz, pero debe vir acompañado con outras políticas fundamentais, como a máxima atención aos servizos sociais ou a prestación de servizos fundamentais como a mellora da rede de auga ou vías. No meu equipo de goberno traballamos para todo iso”, apuntou o rexedor, que invitou a toda a xente a “celebrar a felicidade”.
Deste xeito, despois da sesión vermú amenizada pola música de Carlos Manteiga e Melchor Rodó, chegou o xantar popular. Un xantar no que cada grupo levou a súa comida e puido consumir polbo feito no momento pola pulpeira que o Concello contratou.
Posteriormente, xa pola tarde e noitiña foi a quenda da chocolatada e da queimada. Entre tanto, púidose desfrutar co Bingo e o Karaoke, acompañados polos Campionatos de Xogos de Mesa, con premios para os mellores participantes. Os Xogos Populares para todas as idades foron outra das propostas nas que tamén puido participar a cativada, que contou con inchables, Festa da Espuma e a magnífica actuación do Mago Antón como prato forte nunha xornada na que Paderne volveu sorrir.