O Concello comeza hoxe os traballos de renovación da sala de actividades e do lucernario

  • Levaranse a cabo tarefas de mellora, acondicionamento e rehabilitación para solucionar os problemas de acondicionamento térmico e humidades detectados.  
  • Terán un custe de 40.200,19 euros a cargo do Plan Único Adicional da Deputación da Coruña. 

O Concello de Paderne comezou hoxe os traballos de renovación da sala de actividades e do lucernario, levando a cabo tarefas de mellora, acondicionamento e rehabilitación para solucionar os problemas de acondicionamento térmico e humidades detectados. 

Na devandita sala de actividades, emprazada na planta baixa da Casa Consitorial, reacondicionaranse as instalacións de iluminación, calefacción e acabados interiores en consonancia co resto de espazos do edificio. Modernizaranse e humanizaranse os acabados existentes no chan instalando un novo solo de tarima flotante de madeira. Instalaranse tamén novos rodapés e aproveitaranse os emisores térmicos cambiando as tubaxes da calefacción. 

En segundo termo, e debido a que se veñen detectando problemas de filtracións no lucernario superior, desmontarase a cobertura, mantendo o entramado do soporte e a substitución das actuais planchas de policarbonato celular por outras novas, así como a renovación de todos os elementos de fixación. Incorporarase un aillante térmico e non se prevé a renovación do falso teito, que se atopa en bo estado de conservación, aínda que sí se pintará. 

Terán un custe de 40.200,19 euros a cargo do Plan Único Adicional da Deputación da Coruña.