I EDICIÓN DOS "RECOÑECEMENTOS RESERVA DA BIOSFERA AO COMPROMISO MEDIOAMBIENTAL"
A Rede Española de Reservas da Biosfera, a través desta I edición dos "Recoñecementos Reserva da Biosfera ao compromiso medioambiental", distinguiu a labor de tres empresas certificadas co selo de calidade Mariñas Coruñesas polo seu compromiso no desenvolvemento medioambiental.
O acto de entrega destes galardóns, que destacan a aquelas empresas ou institucións que promoven a formación ambiental e a investigación, tivo lugar este 22 de marzo. Entregaron os premios o Presidente da Reserva de Biosfera e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso; o Vicepresidente da Reserva de Biosfera e Alcalde de Paderne, César Longo e o Secretario do Comité Español do programa MaB da Unesco, Francisco José Cantos.
Na categoría ‘Marca Reservas de la Biosfera Españolas” foron recoñecidas dúas empresas que teñen a marca da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Orballo e Acastrexa.
Orballo, no Concello de Paderne, destaca como empresa de produción de té certificado coa marca de “Reservas de la Biosfera Españolas”, con plantacións que se poden visitar e que lles permitiu desenvolver un produto turístico único en Europa. Ademais, organizan talleres e participan en outras iniciativas como un programa para incluír a outros agricultores no cultivo de plantas aromáticas e medicinais.
Acastrexa, empresa de conservas vexetais, certificada coa marca “Reservas da Biosfera Españolas”, conta coa autorización para o seu uso en Producións Vexetais Transformadas, así como en elaborados en base a mel.
O restaurante “A Artesa da Moza Crecha” foi recoñecido no apartado “Desenvolvemento económico e social sostible” pola súa participación no proxecto “Educando na Biosfera" desenvolvido en colexios, promovendo o consumo de produtos locais e saudables da Reserva, incluíndo nos seus menús de degustación produtos da marca da Reserva.
César Longo está moi orgulloso do gran traballo que se está a facer desde a Reserva; polo territorio, pola defensa dos seus valores medioambientais e pola riqueza que se está a xerar.