Paderne anuncia a súa programación de Nadal con música, cine e o desfile de Reis anticipado
- As súas maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, chegarán a tarde do 4 de xaneiro de 2026.
- O concurso ‘Nadal de Paderne’ para nenas e nenos de 3 a 12 anos terá como día máximo de inscrición o 16 de decembro.
O Concello anunciou esta mañá a súa programación de Nadal con música, cine, obradoiros, o concurso de debuxos ‘Nadal de Paderne’ e o desfile de Reis anticipado. As súas maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, chegarán a tarde do 4 de xaneiro, un día antes que no resto do planeta.
A programación dará comezo o 7 de decembro ás 11:00 horas co obradoiro creativo para aprender a crear marcapáxinas e postais de Nadal. Será na Sala de Actividades do Concello para nenas e nenos de 6 a 12 anos.
O 16 de decembro, tamén a Sala de Actividades do Concello acollerá a festa infantil para a rapazada das unitarias e a Casa Niño. Contaremos coa visita de Papá Noel a partir das 11:00 horas.
Dous días máis tarde, o 18 de decembro, terá lugar a proxección da película “A praia dos afogados’, na Sala de Actividades do Concello ás 20:00 horas.
Para o 23 de decembro está previsto o Concerto de Nadal a cargo de Cristian Leggiero e Paty Lesta, na igrexa de Obre. Será ás 20:00 horas da tarde con entrada libre. O concerto de Fin de Ano será o día 30 de decembro ás 20:00 horas da tarde na igrexa de Quintas. Poderemos desfrutar de Rafa Fernández Dúo.
Como comentabamos anteriormente, o día 4 de xaneiro chegarán os Reis Magos a Paderne, un día antes que no resto do planeta. Percorrerán as parroquias pola mañá, namentres que ás 17:30 horas celebrarase o percorrido polo centro de Paderne, con pasarrúas, inchables, talleres e animación a cargo da charanga ‘Santa Compaña’.
‘Nadal de Paderne’
O Concello de Paderne organiza un concurso de debuxos ou adornos de Nadal para a rapazada de 3 a 12 anos. As propostas terán que ser presentadas antes do 16 de decembro, existindo dúas opcións: presencialmente nas oficinas municipais ou de xeito telemático a través de cultura@concellodepaderne.com


