Paderne participará con Betanzos, Abegondo e Coirós nun programa de emprego para a mocidade
- A iniciativa enmarcarase no sector de atención sociosanitaria e permitirá a contratación e formación de 16 persoas desempregadas
O Concello de Paderne acada a concesión dunha importante subvención para a posta en marcha dun novo programa de formación e emprego dirixido nesta ocasión á mocidade. A iniciativa, denominada “Coidados e Inclusión Social” desenvolverase de forma conxunta cos concellos de Betanzos, que actúa como entidade promotora do expediente, Abegondo e Coirós.
O proxecto ten como obxectivo principal mellorar a empregabilidade no sector dos servizos sociais e está dirixido especificamente a persoas mozas que se atopen incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil de Galicia. Deste xeito, o programa proporcionará formación especializada e un contrato de traballo a 16 alumnos e alumnas-traballadores dos catro municipios.
A iniciativa conta co financiamento de 483.995,36 euros ao abeiro do programa Talento Mozo da Consellería de Emprego. Esta contía económica está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e nun 40 % mediante fondos finalistas transferidos polo SEPE.
A actuación terá unha duración total de 12 meses, estando fixada a data de inicio da formación para o vindeiro setembro.
As persoas participantes dividiranse en dúas grandes áreas profesionais. Por unha banda, 6 alumnos formaranse na especialidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Por outra banda, os 10 participantes restantes formaranse conxuntamente na promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade e na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
O desenvolvemento práctico destas especialidades realizarase en entidades e servizos que traballan directamente no coidado da cidadanía, estando autorizados como obxectos de actuación o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) betanceiro, a Residencia García Irmáns, a Fundación Hospitalarias, ASPACE e ASPRONAGA.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destaca que o programa “reafirma o noso compromiso coa mocidade, facilitando a súa inserción no mercado laboral nun ámbito con demanda real”. O rexedor destaca a cooperación institucional entre os Concellos como “factor clave” para acadar o financiamento e facer posible esta iniciativa.

