MARIÑAS - BETANZOS EMPRENDE UN PROCESO PARTICIPATIVO PARA DESEÑAR A ESTRATEXIA LEADER 2023 - 2027
O GDR Mariñas – Betanzos ten en macha o proceso de elaboración da nova estratexia Leader para o período 2023 – 2027. Este martes, 22 de novembro, reuniuse a Xunta Directiva da Asociación para concretar os pasos a seguir co obxecto de adaptar a nova convocatoria de axudas ás necesidades do territorio e a implicación na mesma, de todos os axentes sociais.
Á reunión da xunta directiva asistiron tanto o presidente e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, como o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, así como representantes de administracións e mesas sectoriais.
O Grupo de Desenvolvemento Rural inicia así un proceso participativo para facer que a estratexia se adapte ás necesidades do territorio realizando, primeiro, unha diagnose da situación mantendo encontros nas diferentes mesas sectoriais, incluíndo así ámbitos como a mocidade, o medio ambiente, a educación ou a perspectiva de xénero.
Neste novo período, os GDR de Galicia xestionarán 84 millóns de euros, cun reparto por territorios aínda non concretado. Cóntase con que a apertura da convocatoria para optar aos fondos se produza a finais de 2023, unha vez se aprobe a planificación e bases.
Na asemblea de Mariñas – Betanzos acordarase presentar a candidatura á convocatoria aberta pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para ser xestores do programa LEADER no novo período, cuestión finalmente validada polo organismo autonómico.