O GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE PREMIA DIFERENTES PROXECTOS REALIZADOS AO ABEIRO DO PROGRAMA FEMP 2014-2020
Orballo, empresa do Concello de Paderne que destaca coa produción de té certificado coa marca de “Reservas de la Biosfera Españolas”, foi premiada polo proxecto ”Infusións ecolóxicas con algas”, un paso máis na innovación que xa os caracteriza, recollendo o galardón, unha representante da empresa Orballo de mans do Alcalde de Paderne e Vicepresidente do GALP Golfo Ártabro Norte, César Longo.
Foi o pasado 27 de outubro, no Pazo da Cultura do Concello de Narón, cando tivo lugar este acto de clausura do programa FEMP 2014-2020, executado ata agora, e que repartiu case seis millóns de euros en axudas ao sector pesqueiro e a diferentes actividades de diversificación,
No evento, organizado polo GALP Golfo Ártabro Norte, o Vicepresidente do GALP Golfo Ártabro Norte e Alcalde de Paderne, César Longo, fixo entrega dos premios, xunto co Presidente José Manuel Fernández. O momento, serviu para facer balance sobre todo o acontecido nesta etapa e tamén para poñer en valor o esforzo de tódalas entidades, promotores e emprendedores que impulsaron iniciativas. Por iso, a directiva quixo facer honra coa entrega de diversos recoñecementos.
Os proxectos preseleccionados nas diferentes categorías competían polo recoñecemento do comité técnico e polo voto popular que estivo aberto durante o mes de outubro.
No transcurso da gala houbo diferentes proxeccións audiovisuais que mostraron a transformación das axudas e deron conta da diversidade e da realidade dos proxectos realizados.
As iniciativas premiadas polo comité técnico foron para a Asociación Os Irmandiños O Val de Narón, Cunchas CasaPrima, Panadería Patricio e os Concellos de Fene, Ferrol e Narón polo proxecto Ártabro Inclusivo.
Así, os premios por votación popular foron para Orballo, do Concello de Paderne, o Club Náutico de Miño, Peixería Juan e Paloma, Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas, e o establecemento hoteleiro Camiño do Eume.