Este sábado daranse a coñecer as imaxes premiadas no I concurso de fotografía ‘Paderne: ollada o paraíso’
Nunha convocatoria aberta á veciñanza do municipio programada ás 12:00 horas na Sala de Actividades do baixo do Concello, membros do xurado enumerarán os traballos galardoados nas dúas categorías.
Tamén haberá un relatorio sobre fotografía e poesía a cargo de Alba Cid e uns petiscos ao finalizar o acto.
Este sábado, 24 de outubro ás 12:00 horas, a Sala de Actividades do baixo do Concello será escenario da proclamación de traballos premiados do I concurso de fotografía ‘Paderne: ollada o paraíso’, que reparte 900 euros entre as categorías de cámara e móbil.
Presentáronse máis dunha quincena de imaxes, polo que determinar as gañadoras foi unha tarefa “tremendamente difícil”, en palabras do xurado, composto por expertos no ámbito audiovisual.
Logo de coñecer o fallo haberá un relatorio sobre fotografía e poesía a cargo de Alba Cid e a veciñanza poderá desfrutar duns petiscos xa pensando na convocatoria da segunda edición debido ao éxito desta estrea.


