Natalia Rodríguez e Carmen Rivas, autoras das instantáneas gañadoras do I concurso de fotografía ‘Paderne: ollada o paraíso’

Nunha convocatoria aberta á veciñanza do municipio programada para hoxe ás 12:00 horas na Sala de Actividades do baixo do Concello, membros do xurado enumeraron os traballos galardoados nas dúas categorías. 

Tamén se desenvolveu un relatorio sobre fotografía e poesía a cargo de Alba Cid.

Todas as imaxes formarán parte dunha exposición que poderá contemplar toda a veciñanza que así o desexe durante un mes. 

Natalia Rodríguez e Carmen Rivas convertéronse nas autoras das instantáneas gañadoras do I concurso de fotografía ‘Paderne: ollada o paraíso’, que tanto na categoría cámara como na de móbil foron as obras que obtiveron a unanimidade do xurado. Completaron a nómina Antonio Lendoiro e María Dolores Sampedro. En total, repartíronse 900 euros en premios. Todas as imaxes formarán parte dunha exposición que poderá contemplar toda a veciñanza que así o desexe durante un mes.

A Sala de Actividades do baixo do Concello foi o lugar escollido para que as persoas inscritas escoitasen o veredicto do xurado, que tivo que deliberar entre unha quincena de imaxes nunha tarefa “altamente complexa”, afirmaron.

Desenvolveuse un relatorio sobre fotografía e poesía a cargo de Alba Cid, no que puidemos coñecer historias do mundo antigo e moderno relacionadas con estas dúas disciplinas e, para finalizar a xornada, a veciñanza puido desfrutar duns petiscos xa pensando na convocatoria da segunda edición. 

O alcalde, Sergio Platas, presente durante todo o acto, quixo agradecer “a todas as persoas que participaron nesta primeira edición e que inmortalizaron, dunha maneira ou doutra, os encantos de Paderne.”

“Este certame convídanos precisamente a mirar o noso concello con outros ollos, a deternos, a descubrir a súa esencia e a compartir con todos aquilo que o fai tan especial. Cada fotografía presentada é unha maneira de expresar o cariño por Paderne, de amosar a súa identidade e de contribuír a que a súa beleza sexa coñecida e valorada dentro e fóra do noso municipio”, finalizaba o primeiro edil.