As padexeiras padernesas Carla Fernández e Aroa Romay acadan o segundo posto de K2 sénior na Travesía Ría de Betanzos

  • As deportistas locais conseguiron o segundo posto nunha competición na que participaron máis de 400 padistas e 28 clubs galegos.
  • O talento de Paderne tamén brillou cos excelentes resultados doutros tres mozos e mozas na categoría K2 sénior feminina e mixta.

Máis de 400 deportistas procedentes de 28 clubes de toda Galicia déronse cita onte, 14 de xuño, na XXXI Travesía Ría de Betanzos. Esta competición, que alberga o Campionato Galego de Travesías e puntúa para a Copa Galicia, contou con participación en diversas categorías tanto en modalidades de embarcacións individuais como dobres.

A representación municipal de Paderne sobresaíu neste encontro deportivo grazas ao éxito de Carla Fernández e Aroa Romay. As dúas padexeiras conquistaron a segunda posición na modalidade K2 sénior feminina, un logro que lles abre as portas a obter unha praza coa federación galega de cara ao prestixioso Descenso Internacional do Sella, cita que reúne anualmente a máis de mil padistas de diversos países.

O talento local tamén se reflectiu noutras clasificacións destacadas durante a xornada. Aroa Rodríguez asinou un meritorio quinto posto na mesma categoría de K2 sénior feminina, mentres que a parella formada por Patricia Ferreiro e Juan Carlos Fernández finalizou na oitava praza na proba de K2 mixto sénior.

 

O alcalde, Sergio Platas, subliñou que estes mozos e mozas “son un exemplo de traballo e constancia, así como un orgullo para Paderne, xa que con estes éxitos sitúan ao municipio no mapa deportivo galego”. 

Aproveitou tamén para poñer en valor a importancia do deporte local, destacando as iniciativas que se poñen anualmente en marcha desde a Administración e que fomenaen un estilo de vida saudable entre a veciñanza.