Arredor de 800 persoas desfrutan dunha xornada de gran festa de fraternidade na Romaría da Familia de Paderne
- As actuacións de Laura Añón, Carlos Manteiga, Pepo Suevos e Roi Casal insertaron a nota cultural a un programa no que houbo alternativas para todos os públicos.
- O alcalde, Sergio Platas, quixo agradecer “a numerosa presenza de veciñas e veciños, así como a todas as persoas que fan posible que a Romaría da Familia medre cada ano”.
Arredor de 800 persoas desfrutaron hoxe da Romaría da Familia, unha gran festa que naceu como herdeira do Día da Familia, que levaba sen celebrarse desde o 2018. O equipo de goberno padernés apostou novamente por introducir no calendario local unha festa na que a veciñanza recupera o protagonismo, e xa van catro edicións.
O Telleiro acolleu hoxe a todos os grupos de familias e amigos que se achegaron para gozar dunha xornada festiva en sociedade, na que o Concello de Paderne programou actividades culturais a cargo de Laura Añón, Carlos Manteiga, Pepo Suevos e Roi Casal.
A maiores da comida que levaron os particulares, o Concello de Paderne ofreceu un servizo de polbeira -con racións de pago-, á que se sumou pola tarde un chocolate con churros.
Logo do xantar comezaron o campionato de cartas, parchís ou dominó, así como os inchables e festa da escuma para a cativada.
No discurso que inauguraba o evento, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu “de corazón a todas as persoas que fan posible que esta Romaría medre ano tras ano. Paderne é un lugar especial non só pola súa contorna natural, senón pola súa xente. Non seriamos un paraíso entre ríos se non houbese persoas coma vós a ambas as dúas beiras”, ao que sumou que “esta romaría é, por riba de todo, unha celebración da confraternidade. Unha oportunidade para deixar durante unhas horas as présas do día a día e gozar simplemente da compañía dos demais. Para recuperar conversas, crear novas amizades e transmitirlles aos máis pequenos algo que non aparece nos libros, pero que se aprende vivindo: o valor de pertencer a un pobo e coidarnos uns aos outros”.
A celebración desta cuarta edición é a rúbrica dun goberno local que busca potenciar o municipio e o seu tecido social. Con servizos como os que xa se ofrecen, pero tamén con eventos como esta Romaría da Familia, que se consolidan no calendario de celebracións anuais xunto á punta de lanza: a Feira GastroLexítimo.


