Concello e Deputación acordan a mellora das beirarrúas en Adragonte cun investimento que se suma aos máis de 30.000 do Plan Único

  • No pleno extraordinario de febreiro xa se aprobaran os traballos de renovación de varios viais nesta parroquia. 
  • O alcalde, Sergio Platas, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, trataron ademais destas, outras intervencións que mellorarán as condicións infraestruturais en varios lugares do municipio.

O Concello de Paderne e a Deputación da Coruña acordan a mellora das beirarrúas en Adragonte cun investimento que se suma aos máis de 30.000 euros do Plan Único destinados a optimizar varias vías nesta parroquia. Cómpre destacar que estas beirarrúas son de titularidade provincial. 

No pleno extraordinario de febreiro xa se aprobaran os traballos de renovación en varios viais nesta parroquia, que se suman ás melloras que se executarán nas vindeiras semanas. Trátase, polo tanto, da substitución de elementos danados no espazo peonil para garantir a seguridade e a circulación das persoas que as empregan a diario.

Sergio Platas, alcalde da localidade padernesa, e Mónica Rodríguez, deputada de Vías e Obras da Deputación da Coruña, trataron en sede municipal esta e outras intervencións que virán a mellorar as condicións das infraestruturas municipais en varios lugares de Paderne. 

Platas agradeceu “non só a Mónica polo feito de vir ata Paderne, senón tamén a todo o persoal técnico que traballa na Deputación, polo soporte que fan a Concellos como os nosos. Sen a súa colaboración moitas das melloras en materia de infraestruturas serían, simplemente, imposibles”, sinalou.