XORNADAS DE PESCA ARTESANAL E ACUICULTURA NO MUSEO MARÍTIMO DE ÍLHAVO (PORTUGAL)
O 16 de novembro, Día Nacional do Mar, celebráronse no Museo Marítimo de Ílhavo, municipio portugués do distrito de Aveiro, as Xornadas de Pesca Artesanal e Acuicultura coincidindo coa declaración, por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do Ano Internacional da Pesca Artesanal e da Acuicultura.
Atendendo á invitación realizada ó GALP Golfo Ártabro Norte, participaron nas mesmas o seu Presidente José Manuel Fernández, o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo e a mariscadora Josefina Gabín.
Coa exposición que realizaron, viñeron a dar testemuña da realidade galega en cuestións relacionadas cos produtos endóxenos e “invasores”, técnicas e tecnoloxías de marisqueo, obstáculos e procesos de articulación entre axentes económicos locais nas diferentes áreas empresariais, e tamén a evolución ecolóxica do ámbito territorial do Golfo Ártabro Norte, que comprende as rías de Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol.
Esta actividade, foi unha iniciativa do Municipio de Ílhavo, en colaboración con APARA op - Associação de Pesca Artesanal da Região de Aveiro e FOR-MAR - Centro de Formación Profesional para a Pesca e o Mar, cofinanciado por CENTRO2020, Portugal 2020 e Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.