Historia
paderneO nome do Concello significa “Saturno” (Deus romano relacionado coa actividade agrícola da semente) na antiga lingua dos celtas, outras fontes afirman que provén de “Paterni” e que faría alusión ó propietario agrícola dalgunhas terras do municipio, xa que “Paternus” significa paterno, pertencente ó pai, tendo en conta que o “Pater” latino non indica só paternidade física, senón tamén a función social do xefe de familia. Dalgún xeito, calquera das dúas versións atopa razóns de peso, pois nestas terras abundan os castros e os restos dos seus poboadores.
O 13 de maio de 1964 aparece na igrexa de Paderne un ídolo fálico prerromano, supostamente céltico e con fins relixiosos que actualmente se pode ver no Museo Arqueolóxico de A Coruña.
Unha mostra do patrimonio cultural de Paderne, e polo tanto parte da súa historia, é o sepulcro antropoide de Santiago de Adragonte situado na parte de atrás da igrexa parroquial; é un sepulcro ou sartego de tipo antropoide, de figura humana, anterior ó século XIII. Representa en moitos aspectos un caso singular dentro do estilo dos sepulcros antropomorfos e as súas características fan del unha peza importante no patrimonio cultural galego.
O noso municipio está cheo de historia e habería que remontarse a tempos moi afastados para atopa-los primeiros poboadores.
A liñaxe dos Andrade, marca desde a Idade Media, a historia deste fermoso municipio, como se observa no seu escudo municipal. Nel temos representada unha ponte cun porco bravo no medio e a cada extremo unha cuncha de vieira, símbolo de peregrinos, que fai referencia ó paso do Camiño Inglés de Santiago por Paderne.
Unha personaxe desta familia, Fernán Pérez de Andrade “O Bo” no século XIV, mandou construír unha ponte sobre o río Lambre para establecer unhas boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos, cabeza dos seus feudos, tamén chamada Ponte do Porco, nome que fai referencia ó xabaril que simboliza a casa dos Andrade.
Nesta ponte é onde probablemente ocurriu a lenda que deu lugar ó nome de Ponte do Porco e que é coñecida como a lenda de “Roxín Roxal e os amores da fidalga”.
Lenda de Roxín Roxal:
Nela fálannos de Roxin Roxal, servidor do señor de Pontedeume, Don Nuno Freire de Andrade. Este mozo, criado polo señor de Pontedeume, namorouse de Teresa, xove filla do seu señor. Aínda que Roxin Roxal era correspondido pola nobre dama e contaba co afecto de Don Nuno, esta tivo que casar co señor de Osorio, Don Enrique, por orde do seu pai xa que o rapaz non era de nobre condición sendo Roxin desterrado a fin de evitar que o romance dificultara o casamento de Teresa. Como mostra do profundo aprecio que Don Nuno sentía polo rapaz e a fin de compensar o malestar que o seu desterro lle causaba, regaloulle unha valiosa daga na súa despedida. Un día houbo unha batida de caza para perseguir un enorme porco bravo que estaba a facer estragos nas colleitas dos campesiños; Don Enrique, gran afeccionado á caza convenceu á súa muller para que lle acompañara. Cando estaban situados ambos na ponte apareceu o porco. O señor de Osorio feriu ó enorme animal, pero non dabondo, pois o porco bravo revolveuse contra del e a súa xove dona; Don Enrique o ve-lo animal correndo cara a si saltou pola ponte ó río e berroulle á súa muller para que fixera o mesmo, pero Dona Teresa quedou cravada na ponte morta de medo e o porco bateu contra dela matándoa. Poucos días despois apareceu morto na mesma ponte o porco bravo; tiña cravada na gorxa unha daga que Don Nuno recoñeceu; era a daga que el mesmo lle regalara a Roxin Roxal facía moito tempo. O señor de Andrade comprendeu que a súa filla tería mellor valedor neste valente xove ó que non lle permitiu casar con Dona Teresa. A partir dese momento a ponte foi coñecida como a Ponte do Porco.
Esta ponte tamén foi, e aínda é, paso obrigado para os peregrinos que facían o Camiño de Santiago no seu tramo Inglés do que lle corresponden a Paderne 5 ½ km e sobre o que contamos con referencias históricas desde o século XII avalando a ruta á tumba de Santiago consolidada gracias á hospitalidade que ofrecían as casas auspiciadas por diversas ordes relixiosas, ó apoio dalgúns nobres e ós hospitais do Sancti Spiritus, como o antigo Hospital de Guende fundado en torno ó 1445 na parroquia de Souto, lugar de Chantada, e que servía de protección e refuxio ós que por alí pasaban.
Frei Martín Sarmiento na súa viaxe do ano 1745 deixa constancia do paso polo hospital non quedando daquela máis que restos xa que o seu final acaeceu no ano 1720 redactándose un decreto polo cal remataba coas funcións que ata daquela viña desempeñando xa que os herdeiros de Juan de Guende, posuidor destes bens, non cumprían coas obrigas que lles correspondían.
Seguindo con este breve repaso histórico, temos constancia da visita que en 1779 realizou o presidente dos Estados Unidos, John Adams ó noso municipio nunha carta que remitiu á súa muller; nela describía a zona de Ponte do Porco, lugar no que parou a comer, como unha terra fértil cultivada desde o alto do monte ata a veira do mar.
Subindo polo río Lambre están entre unha bonita paisaxe de ríos e arboredas, as ruínas duns grandes muíños, que os naturais chaman da Misericordia, os documentos noméanos muíños do rei, e outros din “de Bermúdez”. Estes muíños, son varias edificacións ó parecer de tres épocas distintas do século XVIII, di a tradición do lugar que se moía trigo para as fariñas do Arsenal de Ferrol. As fariñas chegaban ata alí nunha dorna, porque nas costumes da molinería antiga, incluíase o prezo da maquía no transporte do grao ata o muíño e a colocación da fariña na casa do cliente.
Os muíños estaban ben situados, preto do camiño pola Ponte do Porco, que unía Ferrol e Betanzos.O grupo de muíños do Rei presentábase como un longo rectángulo, aliñado tras a beira do río, entre grandes árbores, mostrando os 16 ollos dos arcos da saída dos seus canles. A porta pequena no centro leva unha inscrición tan borrada que só se adiviña o nome de Bermúdez. Ditas edificacións sufriron modificacións importantes en torno a 1845.
Volvendo atrás no tempo debemos sinalar o apelido dos “Vilousaz” atopado nuns escritos do século XVI como pertencente a unha familia con títulos nobiliarios que exerceu o seu señorío a través de grande parte da comarca das Mariñas, aparecendo escudos desta liñaxe en pazos e casas da comarca, dando lugar posteriormente ó nome de Velouzás. O que non está clara é a ubicación da súa casa matriz, aínda que parece situarse no lugar do Tercio xa que nalgunhas das súas casas apareceron escudos heráldicos que por mor do deterioro do tempo resultan practicamente irrecoñecibles.
A comezos do 1800 celebrábase, cerca do ramal que conduce á igrexa de Velouzás, a antiga Feira do 27, contando co momento de máximo apoxeo sobre o 1825 para, na década do 1930, deixar de celebrarse coincidindo precisamente coa apertura da actual estrada que vai a Betanzos.
O século XIX foi o que trouxo a municipalidade para Paderne. A teor da restructuración feita tralo Antigo Réxime, no que as parroquias pertencían a tres xurisdicións distintas, constitúese o Concello de Paderne coas parroquias actuais, pasando antes por unha etapa de transición, xa que en 1831 figuraba o actual municipio dividido en dous, o de Vigo e o de Quintas. No ano 1842 estivo a punto de desaparece-lo Concello e ser absorbido por Betanzos por mor dunha reducción de municipios, pero finalmente non se levou a cabo.
Xa no século XX a construción da Ponte do Pedrido, deseñada por Eduardo Torroja Miret, marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións como polos avances que se empregaron na súa construción que data do ano 1940, inaugurándose o 16 de abril de 1943 facilitando así a comunicación entre as marxes da ría, ata daquela unida mediante un servicio de pasaxe, actividade que tamén bautizaba a esta ponte.Como reseña histórica importante, citar que Frei Martín Sarmiento, utilizou este servicio de pasaxe na súa viaxe de 1745.
A construción da actual Casa do Concello comeza a principios do século XX, nunha superficie de 340 m2 rematando no ano 1927 sendo alcalde José María Pérez González. Esta edificación sufriu varias reformas, a última rematada no ano 2001 sendo alcalde César Longo Queijo.