EXCURSIÓN A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

O día de San Andrés, o 30 de novembro, o Concello de Paderne realiza unha visita ao santuario de San Andrés de Teixido cunha excursión que sairá ás 9:00 h da Casa Consistorial para ir recollendo ás persoas inscritas polas distintas parroquias.

Subiremos pola espectacular Serra da Capelada, desde a que se pode contemplar o océano Atlántico, ata chegar ao santuario que data do século XII, aínda que a actual construción foi realizada en 1785 onde, segundo a tradición, encallou a barca que traía ao santo.

Neste día de festividade poderase asistir á misa cantada e a posterior procesión; ir a pedir os favores e facerlle as promesas a San Andrés na fonte dos tres canos, así como tamén cumprir outros ritos máis paganos como levar a herba de namorar e os sanandreses que se poden mercar nos habituais postos que as persoas do lugar poñen por toda a aldea.

Comeremos en Cedeira, no restaurante Badulaque e, despois, realizaremos unha visita guiada ao Museo Mares de Cedeira, que recolle a historia e evolución das distintas artes de pesca así como aparellos e moitas outras curiosidades relacionadas co mar.

Con un prezo por persoa de 40 €, e coa  Organización Técnica  XG- 351, os interesados poden reservar a súa praza ata o día 24 de novembro chamando por teléfono á Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Paderne.