ENTROIDO EN PADERNE
O día 6 de marzo pechamos en Paderne a festividade do Entroido cunha festa no Telleiro a partires das 20:30 h.
Para celebrala, teremos disposta unha gran carpa para que tódolos asistentes poidan disfrutar dunha noite na que o concurso de disfraces será unha parte moi importante con premios para os tres primeiros clasificados, tanto na modalidade de grupo como en individual, así como tres premios para os disfraces infantís.
A comida tamén será un bo acompañamento que nos axudará a compartir a velada cos amigos e veciños; as empanadas, bolas de doce, viño e queimada, todo de Paderne serán as viandas que poderemos degustar esta noite. Queremos que os que nos acompañen disfruten do momento degustando os nosos produtos.
A música da Escola de Gaitas San Pantaleón, do grupo de música da UNED e do grupo Entroido Samede, amenizará diversos momentos da noite acompañando a todos aqueles que se acheguen ata O Telleiro a participar desta festa.
Non poden faltar os fogos artificiais que se botarán despois da queima do entroido pero, sobre todo e o máis importante, non vai a faltar a alegría, as risas e o bo humor de tódolos participantes; non te perdas este día e ven a pasalo ben a Paderne.