Entorno
turismoPraias
A Xurela
“A Xurela”, praia situada no lugar de Insua, pertencente á parroquia de Viñas, é unha pequena cala á que se accede por unha pista que discorre por detrás do hostal Brisa situada en plena desembocadura da ría e desde a que se divisan tanto Sada como a praia pequena de Miño e a entrada da ría de Ferrol. Praia moi abrigosa e tranquila na que antes se recollía moito berberecho, longueirón, mexillón, mincha e en menor cantidade ameixa. Nela entraba moito xurelo de aí o seu nome; as xentes cargaban unhas algas ás que denominaban marmulo para abona-las leiras e utilizar tamén como remedio para algunhas doenzas.

A Abeleira
“A Abeleira”, á que se accede por Ponte do Porco, está situada na desembocadura do río Lambre e queda unida á anterior cando está a marea baixa converténdose nun paseo moi agradable para as persoas que acoden a elas. Nesta pequena praia ata os anos 50 do século pasado aínda se construían pequenas embarcacións para as xentes da comarca que vivían do mar. A ela tamén acudían a buscar auga e a lava-la roupa a unha pequena fonte que aínda se conserva.

Ríos
Lambre
É un río da vertente setentrional de Galicia. O seu canle drena parte dos Concellos de Monfero, Vilarmaior, Paderne e Miño. Nace en Santa Xuliana (Monfero), a 520 m de altitude polo medio dos arroios Orballeira, Rioseco, Cal do Seixo e Veiga desembocando na Ponte do Porco . O río Lambre , a pesar do seu humilde caudal e reducido recorrido (15 Km), ofrece preciosos rincóns para aproveitar a natureza e lanza-la caña. Sobre el, ademais, construíu Fernán Pérez de Andrade no século XIV unha das sete famosas pontes que facilitaban o paso de carruaxes polos seus dominios. Este foi tan famoso que deu nome o lugar de Ponte do Porco, o xabaril, animal totémico dos Andrade, labrado en pedra xunto ca obra, orixinou a denominación popular. Outro lugar interesante son as marismas da ría e o lugar onde a mencionada ría se comeza a espallar, ofrecéndonos os seus marabillosos encantos. A vexetación climática corresponde a carballos de especie Quercus Robar, aínda que lixeiramente diferentes no que á súa composición florística se refire. Sen embargo, na actualidade a situación é moi diferente. Hoxe a zona encóntrase cuberta por masas, nas que alternan o eucalipto e o pino, predominando o primeiro sobre o segundo, aínda que se conserva unha plantación de carballos. Tamén se atopa algún resto de fragas e de bosques de ribeira. Xunto ás especies propias destas condicións climáticas, engádense outras propias de ambientes fluviais, como son os olmos, abetos, bidueiros, freixos, alisos e abeleiras. Por outra parte, os matorrais aparecen mesturados con especies caducifolias, de repoboación ou con pastizais, aínda que os matorrais son a especie máis representada, sendo a máis habitual o toxal-brezal contando tamén con brezos, breciñas, aulagas, fieitos…. Nesta zona encóntranse representados tódolos grupos de animais, sendo o grupo das aves o que probablemente conta con maior diversidade de especies, destacando algunhas como o merlo de auga, as lavandeiras ou o martiño pescador. Entre as especies piscícolas, hai que destaca-la presencia da troita, a anguía e o múxel. Os mamíferos tamén son abundantes, podendo ver desde morcegos, pasando por ardillas vermellas ata os mamíferos de maior tamaño como as lontras.

Mandeo
“O río Mandeo nace no lugar coñecido como Marco das Pías (Sobrado dos Monxes). Recorre uns 56 Km, sendo o maior da vertente atlántica da provincia de A Coruña despois do Eume, ata desembocar no Golfo Ártabro, formando xunto co río Mendo, a ría de Betanzos. Caracterízase polas súas fragas de ribeira ben conservadas e por albergar poboacións importantes de salmón no curso baixo do río, e xa en contacto coa auga do mar, fan a súa aparición as marismas formadas principalmente por xuncais. Ó longo do percorrido do Mandeo atopámonos con diversos hábitats: Chairas lamacentas ou areosas, que non están cubertas de auga cando haimarea baixa. Lagoas costeiras Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentasou areosas. Pasteiros de Spartina. Pasteiros salinos atlánticos Mato halófilo mediterráneo e termoatlántico Bosques aluviais de alisos (Agnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior). Aínda que os xuncos compoñen a vexetación dominante do espacio natural, encóntranse ben definidas distintas zoas, dependendo da profundidade e a salinidade da auga. No centro do estuario (desembocadura dun río caracterizada por unha ampla abertura por onde o mar penetra terra dentro) aparece, en marea baixa, unha chaira intermareal colonizada por zoostera mariña. A ambos lados crecen praderías de salicornia que van sendo substituídas a medida que nos acercamos ó exterior polos xuncos mariños no fondo da ría; xunto a desembocadura dos ríos o xunco é substituído por carrizo e xunca. Existe ademais unha extensa representación de especies típicas de augas salinas, como áster, limonium, Puccionelia, plantago marítima, o que confire a este ecosistema un valor ecolóxico absolutamente insubstituíble. No entorno de Chelo, o bosque de aliso e sauce, máis próximo a beira do río, acompáñase dunha importante variedade de árbores como abeleiras, castiñeiros, abedujos, freixos e robles na parte máis alexada da auga e un conxunto aínda maior de arbustos e herbáceas como silvarda, fieito real, narcisos, menta acuática, ranúnculos, fresas silvestres, lirios, etc, que serven de refuxio e alimento a importante fauna do río. O salmón atlántico, especie cada vez máis escasa nas augas galegas, aínda remonta a ría de Betanzos buscando as zonas de desove no río Mandeo onde coincide con troitas e reos. A marisma constitúe un hábitat de importancia rexional para as aves palustres, sobre todo as migratorias, que as utilizan como refuxio nos seus desprazamentos migratorios. Nas xunqueiras abundan zarapitos, correlimos, chorlitos y agullas, garzas, agachadizas e anátidos como a ánade real e silbón, pato cuchara, cercetas…. O río ten como mascota a salamandra, aínda que esta non é nin moito menos o único animal facilmente observable nos contornos. Aves como as lavandeiras alba e cascadeña, merlo acuático, martín pescador, mito, azor, gavilán, garza real, andarríos… son facilmente observables. Os mamíferos máis frecuentes e desgraciadamente menos visibles, son o zorro, teixo e sobre todo a nutria, aínda que é moi probable localizar os seus rastros en forma de pegadas ou excrementos.
