TRES EMPRESAS DA RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO, LOGRAN O RECOÑOCEMENTO DO MINISTERIO POLA SÚA CONTRIBUCIÓN Á CONSERVACIÓN E DESENVOLVEMENTO

O Ministerio de Transición Ecolóxica, a través de Parques Nacionais, acaba de facer públicos os resultados dos I Recoñecementos Reserva da Biosfera, entre os que se distinguen a entidades da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O certame vai destinado a destacar o traballo en conservación do patrimonio natural e o desenvolvemento socioeconómico.


O organismo estatal recoñece así a labor de 17 organizacións das 112 candidaturas que se presentaron á convocatoria. De esas 17, tres están integradas na Reserva coruñesa.
Trátase de A Artesa da Moza Crecha, restaurante situado en Betanzos; da empresa de produción Orballo, de Paderne; e a empresa de conservas Acastrexa, de Cambre. Todas elas están integradas na marca de calidade de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e acadaron tamén a certificación estatal seguindo o proceso impulsado desde a Reserva.


O Ministerio recoñece a A Artesa da Moza Crecha pola súa participación no proxecto “Educando na Biosfera" desenvolvido en colexios, promovendo o consumo de produtos locais e saudables, incluíndo nos seus menús de degustación produtos da marca da Reserva.


De Orballo, que elabora té certificado ca marca de Reservas da Biosfera Españolas, resalta que posúe plantacións que se poden visitar e que lles permitiu desenvolver un produto turístico único en Europa. Ademais, organizan talleres e participan en outras iniciativas como un programa para incluír a outros agricultores no cultivo de plantas aromáticas e medicinais.


E de Acastrexa, que produce conservas vexetais, especifica que en maio de 2018 foi recoñecida como unha das tres primeiras empresas certificadas na marca de calidade Reservas da Biosfera Españolas, contando na actualidade coa autorización para o seu uso en Producións Vexetais Transformadas, así como en elaborados en base a mel.


Estes recoñecementos teñen como fin último poñer en valor a figura das reservas da biosfera, elementos vertebradores do territorio que contribúen á conservación do medio natural e ao desenvolvemento socioeconómico das súas poboacións.


Tódolos seleccionados nesta primeira edición dos Recoñecementos recibirán un diploma e un selo de “Reconocimientos Reserva de la Biosfera”, que lles acreditará como posuidores da distinción e que poderán utilizar no seu material promocional e de comunicación.