‘Educa en Paderne, educa na casa’, a nova campaña municipal de difusión das escolas infantís para fomentar a matriculación

  • O Concello pon en marcha un plan de promoción para inscrición da rapazada de tres a cinco anos nos centros educativos de Viñas e Areas
  • Ambas as dúas escolas sufriron unha remodelación cun investimento municipal de 100.000 euros e contan con servizo gratuíto de transporte, Plan Madrugadores e matriculación de balde
  • Areas acollerá o concerto infantil de Nadal, este venres a partir das 11:30 horas 

‘Educa en Paderne, educa na casa’. É a nova campaña promovida polo Concello de Paderne para difundir as potencialidades das escolas unitarias infantís do municipio e fomentar a matriculación da rapazada de tres a cinco anos nelas.

Dita iniciativa chega despois de culminar as obras de mellora nos centros educativos de Viñas e Areas, que sufriron unha remodelación para mellorar as súas instalacións e ofrecer un mellor servizo ás familias. Despois dun investimento total que estivo preto dos 100.000 euros, financiados con fondos propios, ambas as dúas escolas gozan xa dunha mellor imaxe en cuestión de infraestrutura e mantemento, ademais de contar con parques infantís máis modernos e seguros.

Unha vez culminadas estas iniciativas, agora o Concello de Paderne céntrase en esparexer entre a súa poboación e a dos municipios veciños as posibilidades destes centros educativos. Uns centros que son públicos e, polo tanto, contan cunha matriculación gratuíta nunha praza que permite aos nenos e nenas da etapa infantil recibir unha educación moito máis personalizada, baseada nas súas particulares necesidades, construída a través da constante experimentación e cuns valores vinculados ao respecto polas outras persoas, pola natureza e pola identidade e costumes propias da terra.

A maiores desta proposta educativa, as Escolas de Areas e Viñas -cada familia pode elixir o centro, de xeito indiferente á proximidade ao seu domicilio- contan con servizo de transporte de ida e volta promovido polo Concello de Paderne, así como Plan Madrugadores. Ambos son servizos de balde que fomentan a conciliación familiar e laboral.

“Contar con estas escolas é un luxo”

“Existe certa tradición en matricular aos nenos e nenas de Paderne fóra do municipio, pero queremos modificar esa tendencia. Porque aínda que sexamos un concello humilde, dispoñemos dun servizo educativo para a etapa infantil de moitísima calidade. Contar con dúas escolas unitarias, públicas e modernas é un luxo que debemos dar a coñecer entre a nosa veciñanza para aproveitalo”, apunta o alcalde, Sergio Platas. 

Precisamente por este motivo, o equipo de goberno de Paderne iniciou esta campaña ‘Educa en Paderne, educa na casa’. “Ten ese lema porque consideramos que levar aos nenos e nenas a estas escolas unitarias infantís é apostar por unha educación moi semellante á que recibirían na casa. As unitarias son sinónimo de proximidade, de atención moi personalizada e de fomento das posibilidades de experimentación xunto a nenos e nenas da mesma e doutras idades similares. É educar sen saír da contorna local”, expresa Platas.

Deste xeito, o Concello de Paderne levará a cabo diferentes iniciativas para executar esta campaña ‘Educa en Paderne, educa na casa’. Entre elas destaca a festa infantil con concerto na Escola de Areas a partir das 11:30 horas ou unha xornada de portas abertas en xaneiro. A estas actividades uniranse xuntanzas entre pais e nais e difusión en redes de diferentes contidos, entre os que se inclúen os creados de xeito particular por un grupo de proxenitores e proxenitoras do alumnado de Areas baixo o perfil de Instagram @escuelaunitariadeareas.