O Concello acomete as obras de conservación e mantemento da depuradora de Donin
- Os traballos contaron cun orzamento total de 14.611,49 euros e o seu obxectivo foi optimizar o seu funcionamento.
O Concello de Paderne vén de acometer as obras de conservación e mantemento da depuradora de Donin, unha instalación de gran relevancia para a potabilización da auga do sistema de abastecemento de San Xulián de Vigo e que dá servizo a moitos fogares da localidade.
Os traballos contaron cun orzamento total de 14.611,49 euros e o seu obxectivo foi optimizar o seu funcionamento e rendemento. Cambiáronse as tapas existentes de formigón por outras metálicas, instalouse un valado de acabado galvanizado en cor verde e postes de aceiro, estendeuse un firme de formigón de 10 centímetros de espesor en todo o perímetro para facilitar as tarefas de mantemento na instalación e o cambio de pezas no repartidor.
O alcalde, Sergio Platas, sinala que “estes traballos responden a unha necesidade real de mellora nunha instalación de especial relevancia para un dos servizos de primeira necesidade, e o noso obxectivo é seguir implementando este tipo de melloras nas instalacións municipais”, afirma.


