O Concello vala o acceso á praia da Xurela ante o risco de desprendementos
- A medida preventiva afecta á pasarela e ás escaleiras de baixada ao areal, situadas maioritariamente en terreos de titularidade privada.
O Concello de Paderne instalou un valado de seguridade, así como cartelería de advertencia no acceso á praia da Xurela, no lugar de Insua, tras constatar un risco apra as persoas que transitan pola pasarela de formigón e polas escaleiras que dan acceso ao areal. A actuación, adoptada no exercicio das competencias municipais de Protección Civil e Seguridade Cidadá, ten como finalidade evitar accidentes namentres presistan as deficiencias detectadas.
A medida adoptouse tras a emisión dun informe técnico municipal e diversas reunións de coordinación coas administracións competentes en materia de costas. O informe concluíu que a vivenda inspeccionada non presentaba síntomas de esgotamento estrutural, pero advertiu dunha situación de perigo na pasarela de formigón, no peche perimetral oeste da parcela e nas escaleiras de acceso. Estes elementos apóianse sobre un terreo afectado pola erosión, que deixou parcialmente núa a cimentación, con fendas, desplomes cara o desnivel e barandas quebradas ou insuficientes, polo que non resultan aptas para o seu uso.
O Concello mantivo unha reunión co servizo de Costas da Xunta de Galicia o 10 de febreiro de 2026 e outra coa Demarcación de Costas do Estado o 26 de maio de 2026. Nestes encontros abordouse a necesidade de adoptar medidas inmediatas para evitar accidentes e trasladouse que a instalación preventiva do valado correspondía ao Concello por razóns de Protección Civil e Seguridade Cidadá, sen prexuízo das competencias sectoriais das restantes administracións.
Os terreos polos que discorre o acceso son de tiotularidade privada, coa excepción do tramo final, integrado no dominio público marítimo-terrestre. Para deslindar con claridade o ámbito municipal, o Concello sinalizou o punto exacto no que remata o camiño público e comeza o acceso privado.
A Administración local xa instalara neste punto sinais de advertencia coa mensaxe ‘Perigo desprendimentos, fin camiño municipal’, como medida preventiva e de información ás persoas usuarias.
Así mesmo, o Concello notificoulles aos titulares catastrais das parecelas afectadas a situación de risco e requeriulles para que, dentro do prazo legalmente establecido, presenten un proxecto técnico ou memoria valorada coas actuacións necesarias de reparación, consolidación ou, de ser o caso, demolición controlada dos elementos deteriorados. As obras deberán contar previamente coas autorizacións sectoriais que resulten esixibles. A normativa vixente atribúe ás persoas propietarias o deber de conservar os seus terreos, construcións e instalacións en condicións que non xeren riscos para as persoas nin para terceiros.
Como medida preventiva inmediata, o Concello instalou o valado de seguridade e a cartelería de advertencia para impedir o paso pola pasarela e polas escaleiras afectadas. A actuación manterase namentres persiasta a situación de risco e ata que se eecuten as medidas de reparación, consolidación ou demolición que procedan, reducindo así o perigo para as persoas que se achegan á contorna da praia de Xurela.


