Paderne abre o prazo de inscrición para o servizo de conciliación de Nadal 

  • Ten como obxectivo prioritario facilitar a conciliación familiar, laboral e persoal durante o tempo de lecer á vez que ofrece á cativada espazos educativos, de recreo e igualitarios.
  • A data límite para anotarse é o 25 de novembro.

O Concello de Paderne vén de publicar as bases reguladoras do servizo de conciliación de Nadal, destinado a facilitar a conciliación familiar, laboral e persoal durante o tempo de lecer, á vez que ofrece ás nenas e nenos do municipio espazos educativos, de recreación e igualitarios.

Está dirixido aos menores nados/as entre 2022 e os 14 anos de idade, preferentemente empadroados/as en Paderne. Levarase a cabo entre o día 22 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027, agás os festivos e o 24 e 31 de decembro. O horario será de 8:00 a 15:00 horas, con entrada entre as 8:00 e as 9:00 horas e saída entre as 14:00 e 15:00 horas. 

O número máximo de prazas será de 45 e o prazo de inscrición terá como o límite o 25 de novembro. 

Criterios de selección

No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, aplicaranse criterios como: Rendas familiares inferiores a 3 veces o IPREM; familias mono parentais; mulleres vítimas de violencia de xénero; desemprego de longa duración; familias numerosas ou en situación de coidados e situación laboral activa de ambos proxenitores. Se continúa habendo máis demanda que oferta, efectuarase  un sorteo público, establecendo unha lista de agarda. Os grupos de irmáns participarán no sorteo cun só número. 

Datas, horarios e actividades

As Aulas desenvolveranse no centro de maiores, aula de informática, biblioteca e parque anexo ao Concello, sempre e cando a climatoloxía o permita. Segundo a súa idade, as e os menores estarán agrupados en dous bloques diferentes: o 1º grupo ata os 6 anos e o 2º grupo de 7 a 14 anos. 

Haberá xogos de cooperación, populares e tradicionais, actividades musicais, artísticas; actividades audiovisuais, transversais e deportivas. 

A listaxe provisional publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica. As persoas solicitantes disporán de 2 días hábiles para presentar alegacións.