Platas solicita formalmente unha reunión coa Consellería de Educación para abordar a situación do servizo de comedor nas unitarias
- “Cremos que hai vontade institucional para poder darlle unha solución non só ás nenas e nenos de Paderne que a empregan, senón a ducias de familias que levan agardando un desbloqueo case un trimestre desde o inicio do curso escolar”, sinala o rexedor.
- A Administración local executou tarefas de reparación nos dous edificios, habilitou os servizos de madrugadores, transporte e acompañamento tamén para ambas unitarias e ofrece as posibilidades da cesión de locais e persoal de monitoreo para Adragonte e Viñas.
- O modelo de escolas unitarias permite combater o despoboamento nos concellos pequenos, ademais de supor unha aposta por un modelo educativo de proximidade.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, solicitou formalmente á Xunta de Galicia unha xuntanza coa Consellería de Educación e, por ende, co seu máximo representante, Román Rodríguez, para abordar a situación do servizo de comedor nas unitarias da localidade.
“Cremos que hai vontade institucional para poder darlle unha solución non só a vinte nenas e nenos de Paderne, senón a dúas ducias de familias que agardan un desbloqueo da situación desde hai case tres meses”, sinala Platas. Cabe destacar que esta demanda vén de vello, xa que o goberno local leva anos reclamando que se dea resposta á comunidade escolar padernesa.
O modelo de escolas unitarias permite combater o despoboamento nos concellos pequenos, ademais de supor unha aposta por un modelo educativo de proximidade, e desde o goberno local consideran que o comedor escolar non pode entenderse como un servizo secundario ou accesorio, senón como un recurso necesario para garantir a conciliación da vida laboral e familiar, favorecer a igualdade de oportunidades e asegurar que as familias que optan polas Escolas Unitarias poidan facelo en condicións equiparables ás do resto do alumnado do sistema educativo.
A Administración local executou tarefas de reparación nos dous edificios, habilitou os servizos de madrugadores, transporte e acompañamento tamén para ambas unitarias e ofrece as posibilidades da cesión de locais e persoal de monitoreo para Adragonte e Viñas, con investimentos que superan os 100.000 euros.
Ao rexedor padernés, que xa reivindicara públicamente esta situación o pasado setembro antes do comezo do curso nunha das Unitarias do municipio, a de Adragonte, sorpréndelle que “concellos limítrofes sí dispoñan de Comedor nos seus centros educativos” e lamenta a “desatención e discriminación que supón este contexto para as familias padernesas, xa que moitas delas tiveron que matricular ás súas nenas e nenos fóra do límite municipal”.
A ausencia de comedor escolar supón unha dificultade engadida para as familias, especialmente para aquelas que teñen que compatibilizar os seus horarios laborais cos horarios escolares.
Esta situación, como así comprobamos, dificulta a posibilidade de novas altas nas Escolas Unitarias, poñendo en risco a continuidade e a vitalidade duns centros que desempeñan, ademais, un papel fundamental na educación e na vida social do rural.
O Concello de Paderne defende que manter e reforzar os servizos educativos no rural é unha responsabilidade compartida, e que as administracións públicas deben traballar para evitar que as familias teñan que asumir maiores dificultades polo feito de vivir nun municipio rural.


