Balance moi positivo ante a gran participación veciñal nas actividades de verán do Concello de Paderne

  • A veciñanza contou con campamentos, axenda cultural e formación e ocio recreativo na piscina, que rexirtrou 1.609 usuarios

O Concello de Paderne despide a tempada estival destacando a excelente acollida da súa programación de verán, que ofreceu multitude de alternativas de ocio, cultura e deporte para todas as idades. O goberno local fai un balance moi positivo da alta participación rexistrada nos diferentes ámbitos, que incluíron propostas culturais ao aire libre, actividades recreativas e espazos de conciliación e ocio para a mocidade.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, amósase moi satisfeito coa alta participación en todas as propostas. “Desde o Concello traballamos co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio e cultura de calidade para todas as idades, así como de facilitar a conciliación das nosas familias durante o verán”, apunta, e por iso o éxito do programa “anímanos a seguir apostando por un Paderne dinámico”.

Un dos piares fundamentais para a conciliación e o lecer infantil foron os campamentos de verán. O Concello desenvolveu un total de 5 quendas ao longo da tempada estival, distribuídas en dúas no mes de xullo, dúas en agosto e unha en setembro. A iniciativa, moi importante para a conciliación, resultou un grande éxito, acadando máis de 100 inscricións.

Verán ao Aire Libre 

No eido cultural, o programa "Verán ao Aire Libre" contou con tres actuacións ao longo do verán.

O 17 de xullo, a Praza dos Desamparados de Souto acolleu a Daniel García Cabeza co seu espectáculo "Flash". O espectáculo desenvolveuse como unha sucesión de escenas nas que a maxia, o humor e o teatro xestural se mesturaron coa participación do público. Durante a actuación, as nenas e nenos pasaron de ser espectadores a ser protagonistas.

O 31 de xullo, no Campo da Festa de Samede actuou a compañía Desastronauts co espectáculo de circo "Doble Expresso". Foi un espectáculo de circo áxil, divertido e moi habilidoso. Durante a actuación, Raquel e Girisho usaron o trapecio, tea aérea, hula hoops e moito máis.

E o 21 de agosto, a programación cultural pechouse no Telleiro coa actividade "Cine na rúa". Esta cita consistiu na proxección ao aire libre dunha película.

Alta asistencia na Piscina Municipal 

As instalacións acuáticas de Paderne tamén rexistraron unhas cifras excelentes durante os meses de xullo e agosto. A piscina municipal acadou un total de 1.609 usuarios durante os dous meses.

Rexistráronse 257 persoas distintas anotadas en abonos e, en total, tramitáronse 57 abonos de piscina, incluíndo modalidades familiares e individuais. No eido da formación acuática, o Concello levou a cabo un curso de iniciación , un curso de perfeccionamento e a actividade de Aquagym.

O Concello de Paderne agradece a todas as veciñas e veciños a súa implicación e participación, subliñando o compromiso do goberno local por seguir impulsando unhas actividades de calidade para o vindeiro ano.