CHARLA SOBRE AS BOAS PRÁCTICAS NA REDUCIÓN DE RESIDUOS
O pasado 9 de decembro o Alcalde de Paderne, César Longo, presentou a charla “Boas prácticas na redución de residuos” na Casa do Concello.
En colaboración coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), tiña como obxectivo concienciar ás persoas en materia de separación de residuos en orixe seguindo o principio das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe así como no consumo responsable, en base a pequenos actos que podemos poñer en práctica cada día para actuar baixo criterios de sostibilidade.
O Concello de Paderne, adherido ó Pacto de Alcaldes polo clima e a enerxía posúe un compromiso engadido co medio ambiente ó ser tamén o seu alcalde Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, feito que de por si xa implica a defensa de valores climáticos e medioambientais acordes coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e coa Axenda 2030 elaborada polas Nacións Unidas co obxectivo de dar os pasos necesarios para acadar un mundo máis sustentable.
Unha actividade máis de concienciación e divulgación encamiñadas a lograr cidadáns comprometidos coa protección do noso medio ambiente, coincidindo ademais cun momento especialmente sensible a nivel mundial, cando está a ter lugar en España a Cumbre Mundial polo Clima, tal e como sinalou o Alcalde na presentación desta charla.