CHARLA SOBRE BOAS PRÁCTICAS NA REDUCIÓN DE RESIDUOS

O vindeiro día 9 de decembro, o Concello de Paderne, coa colaboración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), ten organizada unha charla sobre as boas prácticas na redución de residuos.

Será presentada polo Alcalde ás 19:30 h. nas instalacións do Centro de Maiores, no baixo da Casa Consistorial.

O obxectivo no é outro máis que concienciar ás persoas do municipio en materia de separación de residuos en orixe co fin de incrementar os beneficios ambientais e económicos derivados.

Incidirase no principio das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe así como no consumo responsable, en base a pequenos actos que podemos poñer en práctica cada día para actuar baixo criterios de sostibilidade.

Estará impartida por educadores ambientais da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) que explicarán o alcance do problema que, na sociedade actual, representa a elevada produción de lixo; ten un claro carácter divulgativo e ven reforzada con distintos recursos didácticos que apoiarán esta labor de concienciación.

Representa unha importante medida de divulgación sobre as consecuencias negativas que, para o medio ambiente e a calidade de vida, representa a incorrecta xestión do lixo con exemplos básicos para consumir de maneira responsable, para producir menos residuos tomando conciencia da problemática que representa o abandono do lixo no medio natural e das consecuencias do desperdicio alimentario. 

É de gran importancia ser un cidadán comprometido na protección do noso medio ambiente, por iso, o Concello de Paderne invita ós seus habitantes a que participen este día e adquiran máis información de como cada un de nós debe asumir este compromiso.