O Concello convoca o seu I Certame de Fotografía baixo o nome “Paderne: unha ollada o paraíso”
- O prazo de presentación das imaxes estenderase ata o 15 de setembro.
- Os temas serán os aspectos naturais e patrimoniais, etnográficos ou costumistas do municipio.
O Concello de Paderne convoca a I edición do Certame de Fotografía baixo o título “Paderne: unha ollada o paraíso”. As imaxes deberán presentarse antes do 15 de setembro e seguir a temática da natureza, do patrimonio, da etnografía ou do costumismo do municipio.
Tras o éxito das dúas primeiras convocatorias do Certame de Relatos Cortos de Paderne, que este ano chega a súa terceira edición o vindeiro 17 de maio, o executivo local decide dar un paso máis na divulgación e promoción cultural do concello coa posta en marcha do primeiro concurso de fotografía.
“Paderne: unha ollada o paraíso” divídese en dúas categorías en función do dispositivo co que se obteñan as imaxes: un teléfono móbil ou unha cámara. A participación está aberta a todas as persoas maiores de 16 anos non necesariamente empadroadas no municipio.
Aceptaranse imaxes inéditas, orixinais e recentes que estean tanto en branco e negro coma en cor, pero non poderán ser editadas, agás correccións puntuais de cor e/ou iluminación. Así mesmo, terán que enviarse tituladas tanto en formato .JPG, cunha resolución mínima de 300 ppp (píxeles por polgada) e un tamaño máximo de 10 Mb, tamén en papel fotográfico, cunha dimensión de 20x30 cm.
Un xurado formado por tres membros designados pola Administración local será o encargado de avaliar as fotografías e designar os premios das categorías. En total repartiranse 900 euros a dividir en tres galardóns para os participantes que empregaron o móbil e para os que utilizaron a cámara.
No primeiro caso, a persoa vencedora recibirá 150 euros, levando a segunda gañadora 100 euros e a terceira 50 euros. En canto a categoría de cámara, quen ocupe o posto máis alto do podio recibirá 300 euros, seguido polo segundo con 200 euros e quedando o terceiro con 100 euros.
As persoas participantes poderán entregar ata tres imaxes antes do 15 de setembro de 2026.
Os gañadores e as gañadoras de cada unha das categorías daranse a coñecer o 24 de outubro, na celebración do Día da Biblioteca. A partir desa data, algunhas das obras presentadas serán expostas na Casa do Concello durante un mes.
Desde o goberno local animan a tódalas persoas a participar nesta primeira experiencia fotográfica que pon en valor a riqueza de Paderne. “Trátase dunha proba que impulsamos con ilusión e ca finalidade de dar a coñecer o noso municipio. Agardamos que se manteña no tempo, como xa se logrou con outros certames.”


