Camiño Inglés

turismo

O traxecto do Camiño Inglés que atravesa o Concello de Paderne forma parte do tramo Miño-Betanzos que ten unha lonxitude de 11 km.

Comeza en Ponte do Porco, deixando á dereita a ponte sobre a desembocadura do río Lambre e unha das praias de Paderne, A Alameda.

Continuamos camiñando pola estrada parella ó río deixando a este á dereita ata a Ponte de Lambre, na parroquia de Viñas nun entorno de gran beleza e cerca dos famosos muíños de Misericordia.

Esta ponte, segundo consta nos antigos escritos, foi mandada construír por Fernán Pérez de Andrade, o Bo, no Século XIV para mellorar as comunicación entre Pontedeume e Betanzos.

A tradición sitúa nela a lenda de Roxín Roxal:

Lenda de “Roxín Roxal e os amores da fidalga” Nela fálannos de Roxin Roxal, servidor do señor de Pontedeume, Don Nuno Freire de Andrade. Este mozo, criado polo señor de Pontedeume, namorouse de Teresa, xove filla do seu señor. Aínda que Roxin Roxal era correspondido pola nobre dama e contaba co afecto de Don Nuno, esta tivo que casar co señor de Osorio, Don Enrique, por orde do seu pai xa que o rapaz non era de nobre condición sendo Roxin desterrado a fin de evitar que o romance dificultara o casamento de Teresa. Como mostra do profundo aprecio que Don Nuno sentía polo rapaz e a fin de compensar o malestar que o seu desterro lle causaba, regaloulle unha valiosa daga na súa despedida. Un día houbo unha batida de caza para perseguir un enorme porco bravo que estaba a facer estragos nas colleitas dos campesiños; Don Enrique, gran afeccionado á caza convenceu á súa muller para que lle acompañara. Cando estaban situados ambos na ponte apareceu o porco. O señor de Osorio feriu ó enorme animal, pero non dabondo, pois o porco bravo revolveuse contra del e a súa xove dona; Don Enrique o ve-lo animal correndo cara a si saltou pola ponte ó río e berroulle á súa muller para que fixera o mesmo, pero Dona Teresa quedou cravada na ponte morta de medo e o porco bateu contra dela matándoa. Poucos días despois apareceu morto na mesma ponte o porco bravo; tiña cravada na gorxa unha daga que Don Nuno recoñeceu; era a daga que el mesmo lle regalara a Roxin Roxal facía moito tempo. O señor de Andrade comprendeu que a súa filla tería mellor valedor neste valente xove ó que non lle permitiu casar con Dona Teresa. A partir dese momento a ponte foi coñecida como a Ponte do Porco.

Despois de atravesala subimos pola estrada da esquerda e continuamos ata Trasmil, tamén na parroquia de Viñas.

De aí baixamos ata o lugar de Porto, fronte ó café Navedo , na N-651.

Camiñamos 120 m. pola beirarrúa e deixamos a N-651 para subir a Chantada pola costa de Matacabalos.

No lugar de Guende, en Chantada, ó lado da fonte de O Xiro, estaba o antigo Hospital de Guende xa citado polo Padre Sarmiento na súa viaxe do ano 1745 de camiño a San Andrés de Teixido, e do que tan só quedaban restos, xa que o final do citado hospital data da primeira década do 1700.

Este camiño entre as casas de Chantada desemboca nunha estrada pola que debemos camiñar uns metros á esquerda ata encontrar un desvío á dereita con dous camiños, dirixíndonos polo que sube pegado ó local social de Chantada e que vai a saír á parte alta de Souto, a Vilademeus, desde onde podemos divisar unha impresionante panorámica da ría.

Logo chegamos á fonte máis fermosa e antiga do Camiño, a Fonte de Gas, do Século XIX e rematamos en Tiobre, xa na demarcación do Concello de Betanzos.

Lugares de interese do percorrido:

  • Ponte de Lambre (Viñas)
  • Igrexa de San Pantaleón das Viñas, no lugar de Montecelo (Viñas)
  • Pazo de Montecelo (Viñas)
  • Fonte do Xiro en Chantada (Souto)
  • Muíños de Chantada (Souto)
  • Fonte de Gas (Souto)
  • Igrexa de Santa María de Souto (Souto)

Para comer:

  • Hostal Brisa (Insua/Viñas)
  • Casa Vidal (Souto)