O Concello pon ao dispor da veciñanza as solicitudes para realizar cacharelas de San Xoán en terreos privados

  • As persoas interesadas poden descargar os documentos da web municipal e presentalos cumprimentados nas oficinas do Consistorio.

O Concello de Paderne pon ao dispor da veciñanza as solicitudes para realizar as cacharelas no San Xoán en terreos privados. As persoas interesadas poden descargar os documentos da web municipal e presentalos cumprimentados nas oficinas consistoriais.

Ademais do nome completo, domicilio, DNI, teléfono e enderezo electrónico da persoa solicitante, haberá que distinguir entre tipo de actividade -lumarada, sardiñada ou ambas – así como aceptar as condicións estipuladas pola Administración local. 

Recoméndase poñer debaixo da cacharela unha capa de area; a fogueira deberá gardar as distancias mínimas esixibles respecto de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas; non terá altura superior aos 3 metros; queda prohibida a súa realización en solo forestal ou na zona de influencia forestal; a fogueira debe permanecer vixiada pola persoa responsable; procurarse ter preto unha mangueira e non se poderán botar produtos plásticos nin materiais que desprendan fumes tóxicos. 

Prohíbese, expresamente, empregar pneumáticos, aceites ou electrodomésticos; se se levanta vento que dificulte a vixilancia ou control da fogueira, esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato; en caso de perda de control do lume deberá avisarse inmediatamente ao teléfono de emerxencias 112; os menores deberán permanecer baixo supervisión dunha persoa adulta responsable; o solicitante será responsable dos danos e perxuizos que a fogueira ocasione e finalizada a actividade, o solicitante deberá deixar o lugar nas debidas condicións de limpeza e retirar os restos xerados. 

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, anima á veciñanza a “festexar con consideración e respecto tanto ao medio ambiente como á veciñanza unha festa moi galega e unha das noites máis especiais en todo o ano”, asegura. 


Descargar Documento de Solicitude