ACTIVIDADES NA AULA DA RÍA

As Escolas de Educación Infantil de Areas e Viñas do Concello de Paderne, veñen de participar no  Programa Medioambiental de ACTIVIDADES NA AULA DA RÍA incluídas no proxecto “Adecuación e rexeneración do patrimonio medioambiental e accesos a zonas marisqueiras” ao abeiro das axudas Golfo Ártabro Norte.

Desenvolvéronse nas propias instalacións da Aula da Ría en Chantada e no Observatorio de Aves da ribeira de Souto.

A través delas, os escolares coñeceron máis en profundidade as peculiaridades e características dalgunhas das especies que habitan o noso territorio a través das explicacións que lles proporcionaron os monitores especialistas en temas medioambientais que estaban ó cargo das mesmas.

Así, e baixo os títulos de REFUXIOS DA FAUNA ÚTIL, OBSERVACIÓN DE AVES e HOTEIS DE INSECTOS puideron contemplar a natureza e as distintas especies do entorno desde outro punto de vista, realizando niños en madeira para aves e casas para albergar distintos tipos de insectos que logo levaron para situar nos patios das respectivas escolas.

Unha experiencia distinta e enriquecedora coa que se pretende inculcar o respecto e coidado pola natureza.