O Concello nega rotundamente que non se estea emprestando asistencia do Servizo de Axuda no Fogar por falta de fondos

Desde xuño de 2023, reducíronse de 49 persoas en lista de agarda a 2 e ampliouse o orzamento destinado a este servizo, que conta agora co investimento municipal máis alto da historia. 

“Non se produciu unha redución de prestacións, senón a concesión dunha ampliación horaria pola necesidade de incorporar novas altas de persoas dependentes”, afirma o alcalde, Sergio Platas. 

O Concello de Paderne nega rotundamente que non se estea emprestando asistencia do Servizo de Axuda no Fogar por falta de fondos. En concreto, nunha nova nun medio de comunicación local do 15 de xullo de 2026, referíase a que unha veciña deixaría de percibir 28 horas de asistencia ao mes.

Desde xuño de 2023, período no que había 49 persoas en lista de agarda no SAF, reduciuse a 2 na actualidade, ademais de incrementarse o orzamento destinado a este fin, que conta agora coas partidas máis elevadas da historia da Administración local. 

“Non se produciu unha redución das prestacións, senón a concesión dunha ampliación horaria pola necesidade de incorporar novas altas de persoas dependentes”, afirma o alcalde, Sergio Platas. 

Priorizar as novas altas no SAF fronte á ampliación de horas para as persoas usuarias responde a unha política de distribución equitativa. O Concello de Paderne busca garantir a cobertura básica do maior número posible de persoas dependentes, evitando que persoas vulnerables queden sen atención. 

Esta Administración local orienta a prestación do Servizo de Axuda no Fogar conforme os principios de calidade, equidade, eficiencia e atención centrada na persoa, outorgando especial relevancia ao criterio técnico-profesional na valoración das necesidades e na determinación da intervención máis axeitada en cada caso. 

Así mesmo, procura unha distribución equilibrada e racional dos recursos públicos, ca fin de garantir o acceso ao servizo ao maior número posible de veciñas e veciños, dacordo cos principios de igualdade, universalidade e cohesión social que inspiran o Sistema Público de Servizos Sociais de Galicia. 

Todos os servizos son consensuados coas familias a través dun acordo e dun plan de intervención que se van axustando na medida do posible ás futuras realidades, en caso de ser preciso. Así mesmo, realízanse visitas e elabóranse os informes de seguimento de cada persoa usuaria. 

As ampliacións fanse efectivas tendo en conta sempre as necesidades de cada familia e valorando cada caso particular. Na actualidade, hai dúas (2) persoas en lista de agarda en grao 1, que corresponde a dependencia moderada. Como comentabamos anteriormente, ampliouse o orzamento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar. 

Desde o goberno local faise fincapé en que “é importante poder afirmar que é rotundamente falso que non se estea prestando asistencia á veciñanza por falta de fondos, senón que se está a aplicar unha política de distribución equitativa, coa que pretendemos garantir a cobertura básica ao maior número de persoas dependentes, evitando así que as vulnerables queden sen atención namentres que outras persoas acumulan o máximo número de horas posibles.”

Como conclusión, o Concello de Paderne cumpre rigorosamente coa resolución oficial do Programa Individual de Atención (PIA) desta veciña, prestándolle 66 horas mensuais de axuda no fogar. Esta cifra atópase no intervalo legal fixado pola norma estatal e autonómica para o Grao III de dependencia. 

Non se produciu ningunha redución de horas. Esta veciña mantén a totalidade do servizo que ten asignado. O Grao III establece un abano de horas segundo a valoración técnica, sen que exista un dereito automático á asignación do máximo do intervalo.