Comezan as obras de renovación da área infantil de Chantada, na que o Concello investiu 37.000 euros
· Instalaranse novos xogos, un chan de caucho, un valado perimetral, un punto de luz e unha papeleira de aceiro inoxidable nunha superficie de 130 metros cadrados.
O Concello de Paderne deu comezo esta semana ás obras de renovación da área infantil de Chantada, na que a Administración local investiu un total de 36.499,83 euros.
Instalaranse novos xogos, entre os que se atopa un bambán adaptado para crianzas, un chan de caucho para evitar danos ante posibles caídas, un valado perimetral de madeira, un punto de luz que substituirá os dous actuais e unha papeleira de aceiro inoxidable nunha superficie de 130 metros cadrados.
Este parque, que estará certificado segundo a normativa europea, supón unha actualización importante con respecto ao existente, nunha intervención moi demandada polas familias desta parroquia.
“Desde o Concello seguimos na procura de unificar as áreas infantís do noso municipio, non só en criterios estéticos, senón tamén de seguridade. As nenas e nenos de Chantada poderán desfrutar dun espazo idóneo para xogar, fomentando a socialización desde idades temperás”, afirma Sergio Platas, alcalde de Paderne.


