Paderne aproba a Conta Xeral do exercicio 2025 e conta cun superávit superior aos 4 millóns de euros

  • Este punto saiu adiante na sesión extraordinaria do Pleno da corporación celebrada esta mañá grazas aos votos do equipo de goberno. 
  • Tanto Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego como o concelleiro non adscrito abstivéronse.
  • Aprobouse por unanimidade a participación no Plan Único Adicional 2026 da Deputación coas obras de acondicionamento das prazas de Gas e Montecelo, así como os seus accesos. 
  • Noutro dos puntos da Orde do Día, aprobouse o plan económico financieiro 2026-2027 tamén cos votos favorables do equipo de goberno.
  • Por outra banda, os festivos locais para o 2027 serán o Martes de Entroido e o 16 de agosto.

O Concello de Paderne celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación onde aprobou a Conta Xeral do exercicio 2025 e ratifica que goza de boa saúde económica, cun remanente de tesourería para gastos xerais de 4.135.152,16 euros. Este punto saiu adiante grazas aos votos a favor do equipo do goberno. Tanto os concelleiros do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e non adscrito, abstivéronse.

Mesmo sentido de voto foi para o derradeiro punto da Orde do Día, na que se debatía a aprobación do Plan Económico Financieiro 2026-2027, derivado da liquidación do orzamento do ano 2025. Esta situación dase deste xeito porque resultou un déficit residual a corrixir de 29.224,75 euros. 

O alcalde, Sergio Platas, explicou que esta situación é derivada “tras solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para a adquisición do Punto Limpo Móbil e non recibir a partida económica da mesma en tempo e forma, posto que a recibimos e contabilizamos en xuño de 2026 e isto fai que teñamos que cinguirnos ao Plan Económico e Financieiro”. Á súa vez, o rexedor quixo transmitir “total tranquilidade á veciñanza ante posibles informacións que se poden achegar: o Concello de Paderne goza de boa saúde económica, non só polo remanente de tesourería, senón porque se fai un traballo de xestión atentendo ás necesidades do noso municipio e axustando cos técnicos as contías económicas que se lle dedican a todas e cada unha das iniciativas que parten deste equipo de goberno”, asegura. 

Por outra banda, aprobouse por unanimidade a participación no Plan Único Adicional da Deputación da Coruña 2026 para acondicionar as prazas en Gas e Montecelo, así como os seus accesos. Ambas intervencións contan cun orzamento de 96.475,62 euros. 

Serán festivos locais para o ano 2027 o 16 de agosto e Martes de Entroido.