O Pleno aproba por unanimidade un suplemento de crédito por valor de 206.002,48€
Habilitarase esta partida para a realización das obras de saneamento e depuración autónoma de augas residuais en Adragonte; a conservación, mantemento e reparación de pavimentos en vías públicas e para o SAF.
O Pleno do Concello de Paderne aprobou hoxe, en sesión extraordinaria e por unanimidade, un suplemento de crédito por valor de 206.002,48 euros que se destinarán á realización das obras de saneamento e depuración autónoma de augas residuais en Adragonte (81.002,48 euros); a conservación, mantemento e reparación de pavimentos de vías públicas municipais (50.000 euros) e ao Servizo de Axuda no Fogar (75.000 euros).
Noutro dos puntos tratados, tamén contou coa unanimidade do órgano o recoñecemento extraxudicial de crédito. O remanente de tesourería da Adminstración local segue sendo positivo, por valor de máis de 3,5 millóns de euros.
O alcalde, Sergio Platas, agradeceu “o sentido de voto de todas as forzas políticas” nun exercicio de responsabilidade e co obxectivo claro de “vocación pública, debido a que esta aprobación servirá para que continuemos mellorando a vida dos cidadáns.”

