SINATURA DE APROBACIÓN DA INFRAESTRUTURA VERDE
Este pasado 21 de maio asinouse nas dependencias do CEIDA, no Castelo de Santa Cruz, unha declaración conxunta na que os 30 concellos coruñeses que comparten espazo xeográfico, entre eles o de Paderne, Costa da Morte e Ferrolterra, impulsan unha estratexia intermunicipal de infraestrutura verde para levar a cabo as propostas priorizadas entre todos e que están encamiñadas á protección da biodiversidade en áreas urbanas e rurais.
Coa participación da Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a aprobación desta infraestrutura verde da área da Coruña, aspira a darlle a Galicia unha vantaxe competitiva para captar fondos europeos.
O documento, “Feitos, Retos e Propostas” presentado este día pola Conselleira no que se identifican os puntos críticos, os principais retos e as propostas prioritarias, é o resultado do traballo realizado a partir das aportacións dos 30 concellos implicados e supón o primeiro paso para definir o sistema de Infraestrutura Verde da Coruña que quere presentarse a finais de ano.
A proposta inicial contempla vertebrar un plan de mobilidade intermunicipal sostible, a mellora do potencial das masas forestais, o proxecto “Catro ríos e catro corredores verdes”, a potenciación do saneamento baseado en solucións verdes, a modernización de pequenas traídas veciñais, a mellora das infraestruturas de saneamento no marco do proxecto Mandeo, o impulso da produción agroalimentaria local, a mellora e ampliación de itinerarios e sendas fluviais creadas no marco do proxecto Mandeo, a posta en valor da área natural de Chelo, a mellora da xestión de residuos ou a planificación conxunta dos polígonos industriais forman parte dos 18 proxectos a desenvolver nesta proposta inicial.
O Alcalde de Paderne, comprometido con todo o relacionado coa conservación e protección do medio ambiente, considera este proxecto clave para garantir a protección da biodiversidade e tamén un importante reto no que todos, políticos e sociedade civil, deben estar implicados traballando polo ben común.