Paderne recoñece ás persoas do ámbito marisqueiro tanto en activo como na etapa de xubilación

A Aula da Ría acolleu esta mañá un acto ao que estaban convocadas todas as persoas que forman e formaron parte deste sector produtivo.

Asistiron o alcalde, Sergio Platas; a patrona e patróns maiores María José Crespo, José Manuel Fernández e José Antonio Anido; e Tamara Tilve, xerente do GALP Ártabro Norte. 

“Os pobos constrúense, sobre todo, coas persoas que os fan vivir cada día. E vós sodes unha parte esencial de Paderne”, sinalou o alcalde, Sergio Platas, na súa intervención. 

O Concello de Paderne recoñeceu hoxe, sábado 07 de novembro nun acto celebrado na Aula da Ría, ás persoas vencelladas ao sector marisqueiro tanto en activo como en idade de xubilación. Asistiron o alcalde, Sergio Platas; a patrona e patróns maiores María José Crespo, José Manuel Fernández e José Antonio Anido; e Tamara Tilve, xerente do GALP Ártabro Norte. 

Tamén presenciaron o acto, como non, as e os recoñecidos: Elena García, María Esther Ramallo, Josefa Paz, María José Doporto, María Josefa Fandiño, Adela Naveira, Antonio Lagares, María Isabel Lagares, Adriana Lagares, Teresa Núñez, María Otero, Francisca Riveira, Maria Josefa Ruanova, Mercedes Cortés, María López, Joséfina Gabín, María Teresa Fernández, Mari Carmen Crespo, Josefa González, María Cruz Vázquez, Raquel Cernadas, Carmen López e Miguel Estévez. 

Esta iniciativa, coordinada polo goberno local do municipio, está pensada non só para darlle visibilidade a un tecido produtivo de tremenda relevancia, e non sempre posto en valor como merece, senón para que a xente saiba que detrás dun produto de moita calidade hai persoas que dedican a súa vida a iso. 

“Hoxe é un día para agradecer, para recoñecer e, sobre todo, para poñer en valor un traballo que moitas veces se desenvolve en silencio, lonxe dos focos, pero que ten unha importancia extraordinaria para o noso municipio. O marisqueo é moito máis ca unha actividade económica e que un sector produtivo. É unha forma de vida, unha tradición e unha parte esencial da nosa cultura mariñeira”, daba así o alcalde a benvida ao acto ás verdadeiras e verdadeiros protagonistas. 

“Detrás de cada xornada de traballo hai esforzo. Erguerse moi cedo, frío, choiva, moitas horas de dedicación e de seguro unha conciliación coa vida familiar, por veces, inexistente. Hoxe é o voso día. Un día para que vos sintades orgullosas e orgullosos, para recibir o cariño da vosa xente e para saber que todo ese esforzo, tantas veces silencioso, ten un valor enorme para todos nós”, continuaba o primeiro edil. 

“Porque detrás de cada recurso que chega ás nosas mesas hai unha historia de traballo. Detrás de cada produto do mar hai coñecemento, experiencia e dedicación. E detrás da continuidade do marisqueo hai persoas que merecen todo o noso respecto. Grazas por tanto, grazas polo voso traballo, pola vosa historia e por levar o nome de Paderne con orgullo”, finalizaba Platas. 

Logo do acto, contra as 13:00 horas, tivo lugar unha degustación de produtos da ría no establecemento ‘Bemar no Camiño’, situado no lugar de Chantada. Ademais, aproveitando a ocasión, a Administración padernesa editou un tríptico onde se recollen os principais atractivos do territorio. 

Trátase dun proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Norte.