ACTIVIDADE DE RECICLAXE COS PEQUENIÑOS DAS ESCOLAS DE EDUCACIÓN INFANTIL DE PADERNE

Co medio ambiente no punto de mira, e as actividades de reciclaxe como instrumento para contribuír á súa conservación e mellora, o Concello de Paderne planificou unha actividade, xunto coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) nas dúas Escolas de Educación Infantil.
César Longo, Alcalde de Paderne, quere aproveitar a facilidade e boa disposición que os pequeniños teñen para aprender, para proporcionarlles experiencias facilitadoras de boas prácticas co entorno e así ir aportando coñecementos que os involucren nos coidados do mesmo.
Realizouse o pasado venres 23 de setembro; persoal do Concello e técnicos de SOGAMA, axudaron a que os/as pequeniños/as aprenderan a diferenciar os refugallos que se deben depositar en cada contedor de recollida selectiva.
As actividades, consistiron en xogos de selección dos residuos contidos nunha caixa sensorial para que os escolares identificasen a bolsa na que se debe depositar cada tipoloxía (amarela, se é un envase de plástico, unha lata ou un brik; azul, se se trataba dun envase de papel ou cartón, ...).
Unha boa práctica para que lle dean continuidade nos seus fogares e facelos partícipes da importancia que ten o coidado do medio ambiente.