A Reserva de Biosfera e o Concello de Paderne planifican a mellora ambiental do bordo litoral do municipio dentro da estratexia conxunta “Proxecta Paisaxe”

 

 

  • O xerente da Reserva, Diego López, e o vicepresidente da entidade e alcalde de Paderne, Sergio Platas, encabezaron unha visita á Ribeira de Chantada, un dos espazos involucrados nesta posta en valor

 

Paderne, 11 de agosto de 2026. O xerente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Diego López, e o vicepresidente da entidade e alcalde de Paderne, Sergio Platas, encabezaron esta mañá unha visita de campo á Ribeira de Chantada, á beira da marisma de Betanzos, para avanzar no proxecto de mellora ambiental, paisaxística e da biodiversidade do bordo litoral do municipio, que ambas as entidades desenvolven de forma conxunta dentro da estratexia “Proxecta Paisaxe nas Mariñas Coruñesas”.

O encontro permitiu recoñecer sobre o terreo un dos ámbitos de actuación deste proxecto. A estratexia “Proxecta Paisaxe” é un proceso participativo de planificación que a Reserva de Biosfera está a desenvolver nos seus 17 concellos.

Durante a visita, os representantes da Reserva e do Concello contrastaron sobre o terreo as principais liñas de traballo previstas na Ribeira de Chantada, que combinan a restauración ecolóxica do ecosistema de marisma, a recuperación da calidade da paisaxe litoral (hoxe fortemente alterada pola presenza de eucalipto e de especies exóticas invasoras como a herba da Pampa) e a ordenación dun uso público respectuoso do espazo.

O xerente da Reserva de Biosfera, Diego López, resaltou que o proxecto é “unha das ideas que pretendemos desenvolver dentro da estratexia conxunta ‘Proxecta Paisaxe’, que nos permitirá configurar unha carteira común de plans de mellora paisaxística e ambiental ao longo dos 17 concellos que conforman as Mariñas Coruñesas”. Neste sentido, engadiu que iniciativas como esta “compatibilizan a conservación ambiental, a posta en valor da paisaxe e o aproveitamento do territorio por parte da veciñanza”.

Neste sentido, Sergio Platas salientou que o ámbito de actuación é un espazo “único” que se pretende recuperar para que “os veciños e veciñas poidan gozar da nosa ribeira litoral, que ten unhas posibilidades de ocio e un elevado valor ambiental que temos que poñer en valor”.

 

Elevado valor natural

En concreto, a actuación en Paderne sitúase na marxe oriental da marisma de Betanzos, un espazo de elevado valor natural integrado na ZEC Betanzos-Mandeo, na Rede Natura 2000 e na zona núcleo da Reserva de Biosfera.

Ao longo das últimas semanas celebráronse reunións de traballo de gabinete e visitas de campo entre o equipo das Mariñas Coruñesas e representantes e persoal técnico do Concello de Paderne, co obxectivo de recoñecer sobre o terreo os ámbitos de actuación, contrastar os trazados propostos, identificar os principais retos e acordar unha folla de ruta para materializar o proxecto nos vindeiros meses.

Entre as accións proxectadas figuran dúas principais liñas. Por unha banda, o acondicionamento paisaxístico da Ribeira de Chantada e a retirada de especies invasoras; e, por outro lado, o acondicionamento da senda entre Ponte do Porco e a ponte do Pedrido.

Dentro destas liñas formúlanse iniciativas como a retirada de residuos, o reforzo da vexetación autóctona, un estudo sobre a capacidade de almacenaxe de carbono da marisma e a posta en valor dun miradoiro sobre a ría, desde o cal se poderían apreciar nunha mesma perspectiva a ponte do Pedrido e o Pazo de Mariñán. Todas elas concíbense con solucións brandas, reversibles e de baixo impacto visual e ambiental. Ademais, a idea é que teña continuidade territorial, configurando unha rede comarcal de percorridos litorais para conectar Miño, Paderne e Betanzos.

Os próximos pasos a seguir serán o peche do trazado preferente e as alternativas por tramos; o inicio da interlocución coas persoas propietarias dos terreos afectados e coas institucións.