Paderne exaltará por terceiro ano consecutivo a súa gastronomía e o viño autóctono coa III Feira do GastroLexítimo

  • O restaurante Árbore da Veira, do estrela Michelín Luis Veira, acolleu hoxe a presentación deste evento, que se celebrará durante os días 4 e 5 de xullo. 
  • A parroquia de Esperela acolle novamente este evento, que busca consolidarse non só comarcalmente, senón tamén en toda a nosa comunidade autónoma. 
  • Lucía Veiga será a encargada de dar o pregón, namentres que a actuación musical correrá a cargo do grupo de folk Milladoiro. 
  • Asistiron o alcalde, Sergio Platas; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; e representantes de varios concellos que integran a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.

A parroquia de Esperela será un ano máis o escenario da Feira do GastroLexítimo, que neste 2026 festexa a súa terceira edición. Esta mañá, o restaurante Árbore da Veira, do estrela Michelín Luis Veira, acolleu a presentación do programa deste ano.  

O Concello de Paderne busca consolidar este evento do mundo gastronómico e da viticultura locais non só a nivel comarcal, senón tamén galego e como unha icona da súa identidade con máis arraigo.  Como obxectivo prioritario segue ser o seguir exaltando o traballo dos produtores locais e o potencial que ten a propia Denominación de Orixe Branco Lexítimo. 

Nesta nova edición, o pregón correrá a cargo da humorista Lucía Veiga, e o prato estrela musicalmente falando será o grupo de folk Milladoiro, que actuará o sábado á noitiña. 

“Tres anos soan a pouco, pero saben a moito. Grazas a todos por estar aquí, grazas a Luis por acollernos na túa casa e grazas a todas as persoas que manteñen viva unha maneira de vivir, que xira en torno a un produto de excelsa calidade como é o viño branco lexítimo”, comezaba na súa intervención Sergio Platas, alcalde de Paderne. 

O rexedor desgranou a programación deste 2026, que manterá os talleres e xogos para a rapazada, os obradoiros de cociña, de arte floral, os pasarrúas, as catas de viño, as casetas dos produtores locais e que trae como principal novidade o faladoiro sobre os viñeróns, que ofrecerá a nova asociación Avibe e que busca recuperar o noso legado vitivinícola. 

“Unha vez máis, quero agradecer á Deputación da Coruña a súa colaboración co Concello de Paderne a manter viva unha feira que pon en valor a nosa gastronomía e viño autóctono” seguiu durante o seu discurso o rexedor, quen tampouco se esquece de agradecer á veciñanza “por ter sempre unha resposta tan positiva e unha atitude participativa coas actividades e eventos do municipio.”

Ademais, tamén interviñeron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o chef Luis Veira. Regueira puxo en valor o tecido produtivo da provincia e sinalou que na Feira Gastro Lexítimo “non so fala de viño; fala de legado; esencia; esforzo colectivo e unha implicación enorme para conservar patrimonio”.

Pola súa banda, Luis Veira, destacou a paixón coa que todas as persoas implicadas traballan, similar á que el pon nas súas creacións culinarias, para que esta feira sexa todo un éxito.

 

III edición do trail GastroLexítimo Pablo Teijo

Tras un ano do pronto pasamento do noso veciño Pablo Teijo, comprometido como ningún outro con este evento e co deporte, celebrarase a terceira edición do Trail GastroLexítimo Pablo Teijo, que leva desde o ano pasado o seu nome e que xa acollera na anterior edición a máis de 200 deportistas. 

Haberá proba longa, de 24 quilómetros; o trailiño de 12 quilómetros e a andaina de 10 quilómetros. As inscricións seguen abertas en trailgastrolexitimo.ccnorte.com. Organiza o Concello de Paderne en colaboración co Club Brutanzos. 

 

Proxección do vídeo que anuncia a terceira edición

Antes de comezar coa demostración gastronómica de Luis Veira, proxectouse na pantalla da sala do restaurante o vídeo que serve de anuncio para esta terceira edición. 

Dánlle voz Ana Cagiao, de queixos Cagiao; Verónica Souto, de Floradeira; Jorge Molina, de EnFlor Agro; Óscar Becerra e Begoña Martínez, do aloxamento e restaurante Bemar do Camiño; José Beade, de Taberna Beade; Xerardo Lagares e Xoaquín Barral, de infusións Orballo; o alcalde, Sergio Platas, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e os veciños de Esperela Manuel Espada, Pedro Otero, Juan Lendoiro, Manuel Veiga e Otilia Veiga.

Ao longo destes minutos afóndase na relevancia que ten a Feira do Gastro Lexítimo para todo o tecido produtivo de Paderne como representación de produtores, adegueiros e restauración do municipio. 

Todos e todas coinciden nunha cousa: o Gastro Lexítimo ten un futuro prometedor por diante.