O Concello convoca por primeira vez o Concurso de Fotografía “Paderne: unha ollada o paraíso” con 900 euros en premios
As inscricións estarán abertas ata o 15 de setembro e dividirase en 2 categorías: a de “móbil” e a de “cámara fotográfica”.
O Concello de Paderne presenta o seu I Certame de Fotografía, baixo o nome de “Paderne : unha ollada ao paraíso”, coa finalidade de promover a participación cidadá e dar a coñecer o patrimonio cultural a través de imaxes sobre aspectos naturais e patrimoniais, etnográficos ou costumistas do municipio.
Repartiranse un total de 900 euros en premios entre as persoas gañadoras das categorías de móbil e cámara fotográfica, premiando o primeiro, segundo e terceiro posto de cada unha delas.
A inscrición permanecerá aberta ata o 15 de setembro, e poderán presentarse as persoas maiores de 16 anos, a través da sede electrónica municipal ou nas oficinas do Concello.
Cada participante poderá presentar, como máximo, tres (3) fotografías, aceptaranse en branco/negro ou en cor, pero sen realizar ningún tipo de edición, agás mínimas correccións da cor e/ou iluminación.
As imaxes terán que ter un formato .JPG, cunha resolución mínima de 300ppp (píxeles por polgada) e tamaño máximo de 10 Mb. Ademais deberán entregarse en papel fotográfico, cun tamaño de 20x30 centímetros. Cada imaxe entregada deberá ter título.
O certame contará con tres (3) persoas de xurado profesional, encargado de valorar as propostas presentadas e determinar as persoas gañadoras.
O veredicto do xurado darase a coñecer o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do “Día da Biblioteca”, organizada polo Concello. Ademais, unha selección das fotografías presentadas formará parte dunha exposición que poderá visitarse na Casa do Concello durante o prazo dun mes.
O alcalde, Sergio Platas, convida a veciñanza a participar nesta primeira edición dun concurso que, agarda, poida celebrarse durante moitos máis anos e contribuír, entre todos e todas, a crear un arquivo fotográfico á altura do que Paderne merece.

