XORNADAS TÉCNICAS E TÚNEL DO VIÑO EN ESPERELA, PADERNE

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, acolleu, este pasado día 12 de xullo na aldea de Esperela, en Paderne, unha xornada das IXP de Galicia.

Nela, estiveron presentes as catro Indicacións Xeográficas Protexidas vitícolas que elaboran viños nas súas demarcacións territoriais, empregando variedades de uva autóctona, seguido os procesos e cumprindo as características analíticas que garanten a súa excepcional calidade, o vínculo co territorio e a súa identidade singular.

Así, as catro IXP de Galicia, Viño da Terra de Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo, Viño da Terra Val do Miño Ourense e Viño da Terra de Betanzos únense nun proxecto de cooperación para a dinamización e promoción destes viños.

O Alcalde do Concello de Paderne e Vicepresidente do GDR As Mariñas-Betanzos, César Longo, abriu a presentación dos actos  acompañado polo Xerente do GDR As Mariñas-Betanzos, Jorge Blanco.

Ás 13:00 h, e despois dos faladoiros, tivo lugar o acto institucional de apoio e promoción dos viños das IXP no que o Alcalde de Paderne e Vicepresidente do GDR Mariñas-Betanzos deu lectura do Manifesto de Apoio ás IXP de Galicia. O acto contou tamén co Conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, co Alcalde de Abegondo e Presidente do GDR Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, e co Alcalde de Culleredo e Deputado Provincial, José Ramón Rioboo.

Na xornada da tarde tiveron lugar as catas dos diferentes viños, tanto para profesionais como para público en xeral resultando un éxito para o mundo do viño xuntando a institucións, adegueiros, profesionais da hostalería e público en xeral comprometidos coa preservación do patrimonio cultural e vitivinícola.