XORNADA EN SEVILLA: “SIN PUEBLOS NO HAY FUTURO”

Co obxecto de incentivar a gobernanza local e aportar unha visión máis ampla á hora de deseñar políticas da UE, nacionais e rexionais que afecten ó medio rural, o pasado día 15 de novembro desenvolvéronse na cidade de Sevilla as xornadas “Sin pueblos no hay futuro”, organizadas pola REDR, Rede Española de Desenvolvemento Rural.

O Alcalde de Paderne, César Longo, Vicepresidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Vicepresidente do GALP- Golfo Ártabro Norte, participou nas mesmas dado o importante papel que estas entidades poden desempeñar nos desafíos que se presentan asumindo a responsabilidade de decidir e deseñar as políticas que afectan ós modos de vida dos seus habitantes co fin de plasmar as propostas que xurdiran en Regulamentos definitivos que afronten os novos desafíos.

Xunto co Alcalde de Abegondo e Presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, o Xerente da mesma, o Alcalde de Culleredo e moitos outros de distintos puntos de España, expuxeron, analizaron e discutiron diferentes iniciativas rexionais, nacionais e europeas relacionadas coas posibilidades económicas e sociais para afrontar os retos demográficos que afectan ás zonas rurais.

Inauguradas polo Ministro de Agricultura Luís Planas, as Xornadas arrancaron cunha Sesión Informativa sobre o futuro de desenvolvemento rural (LEADER/Desenvolvemento Rural Participativo) na nova PAC 2021-2027, moderada polo periodista Manuel Campo Vidal.