XORNADAS: “RESERVAS DE BIOSFERA, RETOS E OPORTUNIDADES MÁIS ALÁ DA CONSERVACIÓN”

Este pasado xoves 5 de abril o Alcalde de Paderne e Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo, presentou e moderou unha das mesas de traballo coas que contaban as xornadas “Reservas de Biosfera, retos e oportunidades máis alá da conservación” que tiveron lugar no Edificio Liceo de Betanzos.

Baixo o título: “25 anos traballando no Programa MaB. A Reserva de Biosfera de Menorca” contaba coa intervención dun vello e querido coñecido de Paderne, Javier Ares, “Japi”, actual Conseller de Medio Ambiente e Reserva de Biosfera de Menorca que deu a coñecer a experiencia desta illa nos seus 25 anos como Reserva e presentou o programa de traballo que están a levar a cabo en Menorca.

O Alcalde de Betanzos, Ramón García, inaugurou o acto acompañado polo Alcalde de Abegondo e Presidente da Reserva de Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, que tamén presentou e moderou unha das mesas.

Entre os retos establecidos sinalaron a importancia de trasladar estes contidos á educación e de saber espertar a concienciación cidadá como claves de calquera iniciativa apoiada na proxección internacional e respaldo que implica o recoñecemento da Unesco.