XORNADA COS PEQUENIÑOS DAS ESCOLAS

Logo de moitos meses sen saír do recinto escolar, os neniños das escolas de educación infantil de Paderne participaron dunha saída organizada polo Concello este pasado día 16 de xuño coa Aula da Ría, o Potro e os Muíños de Chantada, como eixe dunha agradable xornada.
    Sen descoidar as medidas de protección e seguridade fronte ó COVID, e co tempo como aliado, pese ás predicións que apuntaban auga desde primeiras horas da mañá, comezouse coa visita á Aula da Ría. Nestas instalacións, foron recibindo explicacións de cada un dos paneis nos que se mostran as diversas especies, aves, plantas, peixes e anfibios que habitan o noso territorio, así como tamén sobre os oficios relacionados co mar representados por fotografías de persoas traballando na pesca e o marisqueo.
    O complexo de Muíños de Chantada foi outro do atractivos da mañá. A maioría dos pequeniños sabían que eran muíños de auga e os usos que as persoas do entorno facían deles. Chamoulles a atención a gran cantidade que hai por toda a aldea descubrindo tamén que se atopan na ruta do Camiño Inglés a Santiago de Compostela.
Puideron ver as fontes e lavadoiros construídas no entorno dos muíños para aproveitar o recurso da auga e cubrir así as necesidades do día a día.
O Potro, utilizado antigamente para inseminar e ferrar o gando, foi outro dos puntos de interese da mañá completando así unha visión dos recursos cos que se contaba para o traballo e a vida diaria.
Unha mañá moi agradable sen saír do propio Concello.