XORNADA DIRIXIDA A MULLERES CON CANCRO DE MAMA

O Concello de Paderne colabora coa organización da xornada orientada a mulleres diagnosticadas de cancro de mama, que o vindeiro día 24 de maio de 16:00 a 20:00 horas, terá lugar no Pazo de Mariñán para mulleres de Paderne e mulleres doutros concellos da provincia.

Esta xornada, organizada polo Servizo de Oncoloxía Médica do CHUAC, do Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Deputación da Coruña, con IAPO (Integración asistencial do paciente oncolóxico) e a empresa Puntouparte, ten como un dos seus principais obxectivos acercar ó paciente oncolóxico a filosofía da Sanidade Participativa e os beneficios que esta conleva.

Desde primeiras horas da tarde, diversos especialistas en abordar todo o relacionado con esta patoloxía, intentarán dar resposta ás preocupacións das persoas afectadas asegurando a continuidade dos seus coidados así como a detección dos problemas clínicos e sociais.

Nela intervirán especialistas en Psicoloxía Clínica, en Fisioterapia, en Enfermería, en Xinecoloxía, en Socioloxía, en Dermatoloxía e en Oncoloxía que traballan día a día, cada un na súa especialidade, con mulleres que sofren de cancro de mama da área sanitaria da Coruña.

Responde a unha concepción ampla de entender a medicina; unha concepción na que a participación e implicación do paciente, pasa a ser un elemento importante a considerar na nova xestión sanitaria co obxecto de asegurar unha maior calidade asistencial e que busca presentar ferramentas que faciliten unha saúde de calidade e a prevención das secuelas da enfermidade e os seus tratamentos.