VISITA DA SUBDELEGADA DO GOBERNO EN A CORUÑA Á EMPRESA ORBALLO
Xunto ao alcalde de Paderne e vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, supervisa o concepto integrador do territorio da empresa Orballo, para o que se achegou ao Concello de Paderne este día 12 de xaneiro.
Orballo foi recoñecida na categoría Marca Reservas da Biosfera Españolas e conta cun produto turístico único en Europa.
A subdelegada do Goberno destaca que esta empresa situada en Paderne é a única plantación de té ecolóxico continental europeo e tamén unha das 17 entidades premiadas nos Recoñecementos Reservas da Biosfera ao Compromiso Medioambiental, en concreto na categoría Marca Reservas da Biosfera. Subliña, así mesmo, o compromiso do Goberno cos concellos do rural para que fagan fronte ao reto demográfico.
Situou á empresa Orballo como exemplo dun traballo que conserva o medio ambiente e impulsa o desenvolvemento socioeconómico do rural na provincia. Explicouno acompañada polo alcalde de Paderne e vicepresidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo, e o director da compañía, Gerardo Lagares.
Unha empresa cun concepto integrador do territorio e unha ampla visión de futuro, que sabe coidar o medio ambiente e que é un exemplo de boas prácticas con resultados excepcionais nos seus produtos.
Tamén resaltou que o traballo que realizan en Orballo encaixa plenamente cos obxectivos dos Recoñecementos Reservas da Biosfera, pois é un exemplo de que estas entidades son elementos vertebradores do territorio que contribúen á conservación do medio natural e ao desenvolvemento socioeconómico das súas poboacións.
Orballo é unha empresa de produción de té certificado coa marca de “Reservas da Biosfera Españolas”, con plantacións que se poden visitar e que lle permitiu desenvolver un produto turístico único en Europa. Ademais, organiza talleres e participa noutras iniciativas como un programa para incluír a outros agricultores no cultivo de plantas aromáticas e medicinais.
María Rivas coñeceu as instalacións da empresa en Donín, os coidados que dan aos seus produtos, as distintas plantacións, o exame que realizan antes da súa comercialización e tamén visitou a tenda na que se mostra a actividade da empresa.